Primeira licenza urbanística no 2013: un edificio de seis prantas e 28 vivendas
Por Alejandro Espiño
"Vese que algo se move". ÿ a valoración que realiza o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, ante a primeira licenza que concede o Concello de Pontevedra en 2013 para a construción dun edificio de vivendas. Trátase dun inmoble de seis pisos, tres sótanos e 28 vivendas que se construirá na denominada Unidade 18, a delimitada polas rúas Eduardo Pondal, 12 de Novembro e Joaquín Costa.
A promotora Grupo Meteo Investiment S.L. é quen solicitou a licenza para a construción deste edificio, que estará situado detrás da parcela reservada para que a ONCE constrúa o seu novo Centro de Recursos Educativos en Pontevedra. Este proxecto, segundo Antón Louro, produce no goberno municipal "unha máxima satisfacción, pero tamén moita cautela", ao recordar que moitas construcións licenciadas acaban sen levantarse.
En todo caso, esta promoción únese a outras dúas propostas, ambas en Valdecorvos, outra das grandes ofertas de chan existente actualmente no Concello de Pontevedra. Neste caso, a cooperativa Xescomar, que pretende construír un edificio de catro plantas e 56 vivendas, recibiu unha prórroga de dous anos para finalizar as obras; mentres que a outra cooperativa Pontecovi, que pediu licenza en 2011 "parece que aínda non comezaron a traballar".
Tamén en Valdecorvos, recordou o concelleiro socialista a oferta de vivendas de promoción pública que impulsa a Xunta de Galicia tamén solicitou unha prórroga de dous anos e medio para concluír a súa construción. Neste sentido, a empresa adxudicataria terá ata 2015 para entregar as vivendas. "O que queren é tempo para executar os seus proxectos".