Sanitarios, bombeiros e policías aprenden a coordinarse para actuar en incidentes con múltiples vítimas
Por Natalia Puga
Traballadores do 061, a Garda Civil, Tráfico, os Bombeiros, as policías Local e Nacional e Protección Civil vense avocados a traballar xuntos ante determinados incidentes e a falta de costume pode ocasionar disfuncións ou ata complicar o traballo duns e outros. Para evitar que se dean situacións indeseadas e mellorar a coordinación, este martes 230 profesionais destes colectivos mantiveron unha xornada de traballo conxunto en Pontevedra.
A idea desta posta en común entre todos os profesionais das urxencias e as Forzas de Seguridade xurdiu dunha médico da base do 061 en Pontevedra, Patricia Sánchez, e, nun primeiro momento, pensouse como "algo máis modesto", como un pequeno encontro de traballo do seu colectivo coa policía local, Tráfico e os Bombeiros para coordinarse ante casos de incidentes con múltiples vítimas que se dean na área de influencia da capital. Finalmente, se foron sumando máis e máis colectivos ata congregar no Pazo da Cultura de Pontevedra a 230 profesionais.
O responsable da base do 061 en Pontevedra, José Flores, explicou este luns, mentres se desenvolvían as xornadas no Pazo da Cultura, que "nos ha sorprendido la capacidad de convocatoria, pero gratamente porque la coordinación es buenísima" e sinalou que o éxito da actividade xa lles fai pensar en darlle continuidade.
Así, indicou que mantiveron unha reunión de traballo previa para organizar a xornada aberta ao público deste martes e que a idea é poder repetir a experiencia "por lo menos anualmente". Destacou, respecto diso, que é a única iniciativa destas características que se celebra na contorna. Aínda que en Vigo si hai un grupo de traballo neste sentido, a actividade de Pontevedra é a primeira que se celebra "abierta al público".
Ao longo de toda a mañá compartiron protocolos e formas de actuar de cada un dos colectivos en casos de catástrofes, incendios, accidentes ou incidentes de múltiples vítimas e puideron establecer criterios para coordinarse no caso de que se atopen ante unha situación deste tipo. Segundo avanzou, algúns dos participantes xa se coñecen por participar en intervencións previas, pero está ben poñerse as caras e tamén que esta xornada sirva para que desde as máis altas esferas se potencia máis a coordinación entre todos os colectivos que poden chegar a verse implicados na xestión de incidentes deste tipo.
Así, sinala que entre as centrais dos distintos colectivos en ocasións comparten información sobre accidentes, incendios ou outros incidentes nos que todos participan nos rescates ou resolución dos mesmos, pero que se fai de forma extraoficial, para mellorar a efectividade do traballo realizado, sen que existan protocolos de coordinación entre as administracións ou os mandos. Os asistentes verían positivo que os seus superiores protocolizasen este intercambio de información e experiencias.