Pontevedra aspira a situarse no mapa mundial das camelias
Dúas técnicas da Deputación de Pontevedra acudirán do 20 ao 26 de febreiro a China para participar no Congreso Internacional da Camelia. "A camelia galega ten potencialidades internacionais que hai que aproveitar", sinala a deputada Eva Vilaverde
A deputada de Sectores Produtivos Primarios e delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) sinalou que este congreso é unha excelente oportunidade para mostrar a calidade da camelia galega e deixar pegada nun país como China, principal produtor mundial e no que está normalizado o consumo de camelias e dos seus derivados para o seu uso alimentario.
"A produción de té e de aceite de camelia é un novo mercado polo que o campo galego debe apostar", declaraba Eva Vilaverde. Ademais, recalcou que Pontevedra quere potenciar todo o sector que se move ao redor da camelia, non só aproveitando o seu valor ornamental, senón tamén tendo en conta que é un recurso económico que se pode diversificar.
"Moita xente de fóra non pensa en Galicia como produtora de camelia e temos que darnos a coñecer coas nosas investigacións", explicou Carmen Salinero. Vilaverde tamén lembrou que na provincia de Pontevedra prodúcense 1,5 millóns de plantas ao ano, das cales un terzo dedícase á exportación e cuxos mercados son, principalmente, Portugal, Países Baixos, Italia, Alemaña ou Gran Bretaña.
A EFA é o único produtor de aceite de camelia en Europa e que recibe sementes de moitos puntos tanto de Galicia como de Europa. Actualmente, almacénanse preto de media tonelada destas sementes, das que se saca un rendemento do 30% ao facer aceite. "Esta cifra é moito maior que a da oliva, que está nun 12%", puntualizou Vilaverde.
Carmen Salinero explicou tamén que a EFA leva investigando sobre a produción de aceite uns 10 anos e que nestes momentos está a traballar na procura de certificados de calidade Aenor. "Somos os únicos de Europa que facemos o aceite mediante un proceso totalmente natural" subliñou.
No congreso presentásense catro relatorios, dous deles científicos. O primeira trata de eficacia dos residuos das sementes de camelia como insecticida natural para evitar pragas. O segundo relatorio trata sobre as camelias do Pazo de Lourizán, onde están identificadas 277 plantas, algunhas delas con máis de 150 anos.
Carmen Salinero indicou que nestes momentos a provincia de Pontevedra conta con dous xardíns de excelencia da camelia e optará no congreso internacional de Francia 2018 a conseguir outras dúas para o Pazo de Quinteiro dá Cruz e o Xardín de Saleta. "Sería a única rexión con catro xardíns de excelencia no mundo, o que supoñería un gran reclamo turístico", finalizou.
Relacionadas:
-
Suxiren facer do Pazo de Lourizán un centro de divulgación ambiental de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Nova cita para as camelias, esta vez en Sanxenxo
Por Elena Álvarez Quintá |
-
A Ruta da Camelia xa conta con sinalización turística
Por Redacción |
-
Empresarios chineses interésanse na compra dun terreo na provincia para producir e exportar aceite de camelia
Por Diego Espiño |