Orella e Ravachol xuntos por primeira vez
A X Edición da Festa da Orella de Lérez celébrase por primeira coincidindo co remate do Entroido pontevedrés. O domingo 21 a partir das 12 da mañá será posible acudir á tradicional degustación de orella salgada e doce, organizada polos veciños da parroquia no aparcadoiro do Mosteiro de Lérez.
Durante a mañá deste luns, 15 de febreiro, a concelleira de Festas, Carme da Silva, xunto con membros da Asociación de Veciños de Lérez, presentou o cartel e a programación para esta décima edición da "orellada". Trátase dunha festa que logrou consolidarse ano tras ano e que naceu co obxectivo de dinamizar esta parroquia pontevedresa.
En total, cociñaranse 250 quilos de orella salgada, co que se espera chegar ás 700 racións, número alcanzado en anteriores edicións provocando o fin de existencias. Para quen este produto non sexa un bo reclamo poderase gozar de racións de churrasco. O produto estrela espérase sexa a empanada de orella, que tivo unha boa acollida desde a súa creación dúas edicións atrás. Tamén haberá ocasión de degustar orellas doces.
Os prezos serán os mesmos que en edicións anteriores: ración de churrasco por seis euros: cazola de orella a cinco euros; empanada de orella a tres; e 0,50 euros a orella doce. Poderase reservar un lote de orella, churrasco, empanada, orella doce, pan, bebida e café por 15 euros, ata o venres 19 no Pazo da Cultura.
Durante a mañá do domingo realizarase un Concurso de Orella Doce, que repartirá tres premios de 60, 40 e 20 euros. Os interesados en participar como concursantes non necesitarán inscribirse previamente, bastará con asistir coa súa presentación antes das 14.00 horas, cando comezará a deliberación do xurado.
Para amenizar a xornada contarase coa banda de música tradicional Gaiteiros dás Rías Baixas, xunto con inchables gratuítos e unha sesión DJ.