Rexeitada a moción do PP para buscar terreos para a planta de biomasa de Ence
Por Redacción
O BNG, PSOE e Marea Pontevedra votaron en contra na comisión de Urbanismo da proposta do Partido Popular na que se instaba ao goberno local a buscar terreos para o proxecto que Ence quere poñer en marcha de creación dunha planta de biomasa e que conta con Pontevedra como unha das alternativas para ese investimento. A moción só contou co apoio favorable dos representantes do PP e a abstención de Ciudadanos.
A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, considera que esta petición é o "esperpento" ao entender que "non é de recibo que se lle busquen os terreos" para este proxecto. Indica que a planta de biomasa "non existe" porque de ser unha proposta real, a empresa xa buscaría terreos para planificar a súa construción.
Pola súa banda, desde o Partido Popular laméntase que o goberno de Fernández Lores non pelexe polo emprego en Pontevedra xa que a empresa afirma que esa planta de 40 megawatts crearía 750 postos de traballo entre directos e indirectos. Para a concelleira de Urbanismo esa previsión é esaxerada cando Ence conta con plantas de 20 megawatts nas que só están empregadas sete persoas. Por iso considera unha "tomadura de pelo" a reclamación do Partido Popular.
César Abal, concelleiro popular, entende que o goberno local debe poñer todo da súa parte para conseguir a instalación desta planta en Pontevedra xa que se trata "probablemente dunha das máis grandes que coñecese a cidade en democracia". E afirma que é competencia municipal o labor de indicarlle a unha empresa os terreos nos que pode instalarse.