A banda desartellada nun atraco frustrado en Poio asaltou catro bancos e intentouno en dous máis
Por Redacción
O Xulgado de Instrución número 1 Vigo levantou este luns o segredo de sumario da operación policial que o 10 de xaneiro permitiu a desarticulación dunha banda de atracadores cando intentaban asaltar un banco en Poio.
Neste operativo, denominado 'Pelucas', foi detido un criminal coñecido en Vigo pola violencia dos seus delitos, Luís Ramiro Martíns Mendoza, irmán de 'O Peke', un dos atracadores que se atopa en prisión provisional pola morte dun axente da Garda Civil nun atraco na Cañiza en agosto de 2010.
Segundo saíu á luz este luns, ademais de Martíns Mendoza foron detidos outros dous varóns vigueses de 24 e 53 anos e dúas mulleres de 26 e 18 anos, ambas veciñas de Vigo, pero a maior natural de Brasil. Os cinco detidos están considerados autores de catro atracos en Vigo e O Porriño e dous intentos en Poio e A Coruña, todos eles cometidos usando pelucas e pasamontañas entre setembro de 2012 e xaneiro de 2013.
Os cinco foron arrestados a primeira hora da mañá do 10 de xaneiro nun operativo conxunto da Policía Nacional de Vigo, a Policía Xudicial de Pontevedra e a Unidade Especial GOES da Jefatura Superior de Galicia. A banda estaba sendo investigada e os axentes tiveron coñecemento de que planeaban atracar un banco na avenida da Barca de Poio, de forma que se estableceu un amplo dispositivo de seguridade ao redor da entidade e foron interceptados antes de chegar a perpetrar o roubo con violencia.
Segundo transcendeu, os cinco acudiron a Poio nun Audi A-3 e, ao chegar, catro apeáronse e o condutor quedou no coche esperándolles. Os cinco foron detidos e comprobouse que todos tiñan antecedentes policiais excepto un. No caso de Martíns Mendoza ten 19 e outros dos seus cómplices nove, dous e un por feitos similares.
Os registros realizados nas vivendas dos detidos permitiron localizar as pelucas, pasamontañas e resto de pezas utilizados nos atracos e intentos de atraco, así como 150 doses de cocaína, documentación, unha pistola simulada, unha pistola eléctrica, un ordenador portátil, unha cámara de fotos, billetes de avión para datas próximas e equipos de comunicacións.