O PSdeG-PSOE denuncia que os orzamentos da Xunta "afianzan a Pontevedra máis na crise"
Por Alejandro Espiño
"Absolutamente derrotistas, ineficaces e inxustos". Así son, segundo o PSdeG-PSOE, os orzamentos que presentou a Xunta de Galicia para 2013. "Son coherentes coas ideas do PP que aproveitan a crise para desmantelar o estado do benestar e aumentar as privatizacións dos servizos públicos", asegurou en rolda de prensa Guillermo Meijón, secretario local dos socialistas pontevedreses.
Neste sentido, tras criticar que desde 2009 a Xunta de Galicia reduciu os investimentos e o gasto social nun 52 por cento e as partidas en I+D+i nun 28 por cento, a deputada Patricia Vilán asegurou que estes orzamentos "van xerar máis paro", o que afianzará unha situación dramática, dixo, o feito de que 34.300 fogares pontevedreses teñan a todos os seus membros en situación de desemprego.
Por iso é polo que os socialistas presenten unhas enmendas que, de aprobarse, suporían 500 millóns de euros en investimentos. Son enmendas relativas a mellorar as partidas presupuestarias en educación, sanidade, políticas de emprego, benestar social, vivenda, medio ambiente e financiamento local. Entenden desde o PSdeG-PSOE que se trata de iniciativas que garantirán a protección das políticas sociais e a creación de emprego.
Con respecto á cidade de Pontevedra, os socialistas pretenden incluír o proxecto dun porto seco en Leborei, un maior investimento no colexio Froebel, a construción do CEIP de Valdecorvos e o novo edificio do Carlos Oroza, a execución da Rolda Urbana, a sinatura do terceiro convenio de saneamiento do rural e a ampliación de Montecelo, previa retirada do proxecto de construción do novo hospital de Monte Carrasco.
Sobre este novo hospital, o portavoz do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Antón Louro, retou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a que "veña a Pontevedra e escoite á xente, que escoite as razón polas que se opoñen ao hospital de Monte Carrasco e prefiren que se amplíe Montecelo". Recordou que Montecelo necesitaría "un cuarto" do investimento de Monte Carrasco e acusou ao PP de "despilfarrar cartos públicos", chegando a comparar este proxecto coa Cidade da Cultura, "un monumento ao despilfarro".
Ademais das enmendas para a cidade, os socialistas propoñen, para o resto da comarca, a reparación de varios colexios, a construción de centros de ensino, a rehabilitación de bens culturais ou a construción de centros de saúde e centros de día; mentres que para O Salnés esixen, entre outras medidas, garantir a ampliación do hospital de O Salnés, a reforma da PO-308 en Sanxenxo ou a ampliación do colexio da Illa de Arousa.