Descarga de granel histórica no Porto de Marín
Por Redacción
O buque ENDLESS atracou na madrugada deste luns na terminal de graneles do Porto de Marín para deixar 61.500 toneladas de millo. Trátase da maior descarga operada por un só barco nos últimos cinco anos e unha das tres descargas máis importantes na historia do Porto, só superada polas dos buques Bergen Max, que deixou en porto 63.000 toneladas entre millo e sorgo e a que ata hoxe ostenta o récord absoluto: a descarga de 69.000 toneladas de millo que realizou o buque Ioannis Zafirakis en 2008.
O ENDLESS, consignado por Ceferino Nogueira S.A, é un barco graneleiro construído en 1999, con 225 metros de eslora e 32,2 de manga. Está previsto que permaneza traballando en Marín onde chegou procedente do porto de Santa Cruz de Tenerife ata o próximo 4 de febreiro.
O ano comezou cunha intensa actividade no que se refire aos graneles agroalimentarios. O ENDLESS está a compartir porto co buque Verila, procedente do porto estadounidense de Savannah que está atracado no peirao Adolfo Reboredo para descargar unhas 20.000 toneladas de soia.
Marín é un gran centro loxístico de recepción e distribución para graneles agroalimentarios, un dos tráficos que neste Porto conta con certificación europea de calidade.