Marea Pontevedra describe Lourizán como "zona catastrófica social e ambiental"
Por Redacción
Marea Pontevedra presentou este mércores unha serie de actuacións que inclúen nun programa plurianual que deseñaron co obxectivo de mellorar a parroquia de Lourizán.
Lourizán é unha das parroquias máis poboadas de Pontevedra, con todo, "vive unha situación que poderíamos definir como zona catastrófica de carácter social e ambiental, con epicentro nos Praceres", sinalaba Luís Rei que presentou esta iniciativa acompañado da súa compañeira Carmen Moreira, a portavoz de Marea Marín, Sandra Pesqueira e dun grupo de veciños e veciñas de Lourizán.
Carmen Moreira, que ademais é veciña da parroquia, lembrou "as agresións que ten sufrido a zona desde as instalacións de ENCE e ELNOSA a finais dos anos 50". "É algo impensable nunha zona de gran potencialidade turística", resaltou. A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) instalada en 1993 presenta, segundo denunciaron os membros de Marea. numerosas deficiencias e carece de concesión de dominio público marítimo terrestre.
O partido expón un programa plurianual 2016-2019 para abrir un proceso de negociación e mellorar as infraestruturas e dotacións que hoxe dependen doutras administracións. "Lourizán precisa un forte estímulo, un proxecto ambicioso que a faga recoñecida na cidade", declaraba o portavoz de Marea Pontevedra.
Segundo Marea, hai varios datos significativos que explican a deterioración que aprecian nesta parroquia: a perda continua de poboación, o abandono das vivendas sobre todo preto da estrada, a carencia de establecementos e de instalacións deportivas, as barreiras para as persoas con discapacidade, a mala comunicación do transporte público e a saturación do cemiterio municipal producen un "descontento" na poboación da parroquia.
Entre outras medidas propoñen a construción dun centro social comunitario multifuncional fundamentalmente para as persoas maiores, a construción dun campo de fútbol, a creación dunha escola infantil e unha ludoteca para os máis pequenos, resolver o soterramento da liña férrea que cruza a praza dos Praceres, habilitar un carril bici e poñer en marcha xunto coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia un plan para a recuperación ambiental da Xunqueira da Gandarela.