Louzán presionará para evitar o traslado de Conservas Cuca
Por Oskar Viéitez
Unha representación dos traballadores de Conservas Cuca en Vilaxoán entrevistouse este luns 28 co presidente da Deputación, Rafael Louzán, nunha reunión á que tamén acudiu o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole.
Louzán sinalou que a imaxe de Cuca "naceu en Vilaxoán e aí debería seguir, polo que, todos os que estamos aquí, xunto á Xunta, desde un labor de presión oxalá que podamos lograr que esa imaxe de marca poida seguir en Vilaxoán".
O presidente provincial cualificou como "francamente difícil" a situación laboral á que se verán abocadas a gran maioría destas traballadoras co traslado da produción a O Grove. A media de idade destas traballadoras é de 50 anos.
No encontro o mandatario provincial trasladou a súa "solidariedade" e enviou unha mensaxe á dirección do Grupo Garavilla "que na medida do posible recapacite sobre esta decisión final de traslado porque por mérito e por recoñecemento a estas traballadoras e tendo en conta tamén a labora empresarial, que reconsidere a súa decisión", declarou o presidente provincial.
Louzán comentou que "curiosamente" a pasada semana coincidiu en Madrid Fusión cos responsables do Grupo Garavilla que formaban parte dunha promoción organizada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, o show cooking "Peixe todo o ano con Conservas de Peixes e Mariscos".