A Asociación das Alfombras de Bueu convoca un concurso de carteis
Por Redacción
A Asociación Cultural das Alfombras do Corpus de Bueu convoca o segundo concurso para elixir o cartel para a festividade do Corpus Christi de Bueu deste ano, cuxo prazo de presentación se estende desde este martes ata o 2 de marzo. O deseño dos carteis terá que ter en conta o tema do Corpus, con especial énfase nas alfombras florais, para cuxa realización se pode empregar calquera técnica, como a pintura, a ilustración, a fotografía… con tal de que sexa apta para a súa reprodución.
Nesta edición, con respecto á do ano pasado, cóntase coa novidade de que as obras se poderán enviar por correo electrónico, ademais de persoalmente ou por correo postal.
Haberá un único premio cun importe de 300 euros, que se dará a coñecer o 18 de marzo, e para o que o xurado valorará aspectos como a facilidade de identificación da proposta, o deseño innovador e creativo, a calidade técnica e artística, o impacto visual, e a adaptabilidade a calquera soporte de difusión.
As bases, así como o boletín de inscrición, poden descargarse na páxina web do Concello de Bueu: www.concellodebueu.org.
A asociación, dirixida por Carmen Santos, presentou o pasado 23 de xaneiro o programa para a celebración do Corpus Christi deste ano. Así, do 15 de abril ao 1 de maio terán lugar as II Xornadas das Alfombras de Bueu, durante as que haberá unha exposición de fotografías, conferencias de alfombristas de Redondela e Ponteareas no Museo Massó, e unha Gala de Homenaxe aos Alfombristas Veteranos no Centro Social do Mar.
Ademais, ao longo dos seguintes meses, os membros da asociación realizarán varios tapices florais en diversos lugares e festas que estenderán a influencia das alfombras máis alá do Corpus.
Ademais, participarán no Corpus Christi de Cela, o 22 de maio, no Corpus Christi de Bueu, do 28 ao 29 de maio, e no de Beluso o 5 de xuño.
Relacionadas:
-
As alfombras florais regresan a Bueu para o Corpus
Por Redacción |
-
Bueu homenaxea os seus alfombristas máis veteranos
Por Redacción |
-
Aumentan as axudas económicas para a confección de alfombras do Corpus en Bueu
Por Redacción |
-
As alfombras, en Bueu, xa non son patrimonio exclusivo do Corpus
Por Redacción |
-
Bueu aspira a que a súas alfombras florais sexan recoñecidas pola UNESCO como "arte efémero"
Por Redacción |