Día de tregua ante a chegada de máis chuvias
Por Redacción
A xornada de luns é un oasis dentro do mal tempo deste inverno. Durante o mes de xaneiro recolleuse máis de 280 litros por metro cadrado procedentes das precipitacións. Durante este domingo, en Pontevedra rexistráronse 16 litros por metro cadrado segundo a estación de Lourizán.
A principal consecuencia destas fortes chuvias son as inundacións e as bolsas de auga que se forma en distintas estradas da bisbarra. Como vén sendo habitual, a PO-255 en Alba foi unha das protagonistas desas acumulacións de auga baixo a ponte do tren. Precisamente preto desa zona, rexistrábase un accidente entre dous turismos co resultado dunha persoa ferida.
Durante a xornada de mañá, martes, Galicia continuará entre o anticiclón da península e unha profunda borrasca que procede de Irlanda. Por ese motivo predominarán os ceos anubrados que poden deixar algunha chuvia débil e ocasional. Segundo Meteogalicia, durante o mércores haberá un aumento das nubes con chuvias que comezarán polo norte que se estenderán progresivamente a toda a comunidade durante a madrugada do xoves.