Unha gran bronca provoca que o Pleno da Deputación se celebre a porta pechada
Por Oskar Viéitez
A porta pechada celebrou a Deputación de Pontevedra o Pleno extraordinario deste venres despois de que preto dun centenar de afeccionados do Rallye Internacional Rías Baixas interrompesen con berros e apupos o debate sobre o convenio de colaboración para a celebración da próxima edición desta proba automobilística.
O Pazo Provincial celebrou este venres dous plenos, o primeiro de carácter ordinario e o segundo, que se iniciou a continuación, respondía a unha solicitude do Partido Popular para debater sobre as axudas económicas a esta competición, así como outras subvencións a entidades e eventos deportivos.
Estes afeccionados acudiron á sesión para expresar o seu rexeitamento á decisión do goberno da Deputación de deixar de subvencionar nominalmente á organización da carreira e facelo a través dun procedemento regrado e en concorrencia con outras propostas.
Segundo se explicou durante o pleno, a sesión extraordinaria íase desenvolver conforme ao acordado por todos os grupos nunha comisión informativa celebrada esta mesma mañá, na que se acordou unha única intervención por cada grupo de dez minutos de duración, conforme ao Regulamento Orgánico do Pleno (ROP).
Con todo, durante a sesión e despois de consumir a quenda de palabra acordado, a portavoz do Partido Popular, Nidia Arévalo, esixiu unha quenda de réplica para poder intervir unha segunda ocasión. A presidenta cortoulle o sinal do micrófono e tanto Arévalo como os seus compañeiros do PP recriminaron a actitude de Carmela Silva quen pediu ao secretario xeral da Deputación, Carlos Cuadrado Romay, que resolvese a situación conforme ao ROP.
O secretario tentou falar pero as protestas airadas dos deputados populares impedíronlle facelo trasladando a rifa ao público asistente.
Durante o pleno a presidenta da Deputación xa chamara á orde ás persoas presentes no Salón de Plenos por interromper en varias ocasións aos deputados que estaban no uso da palabra, advertindo, como logo fixo, que á terceira advertencia suspenderíase a sesión.
No medio dun grande balbordo, Carmela Silva anunciou que o Pleno se suspendía durante uns minutos para ser retomado a porta pechada.
Varios deputados do Partido Popular dirixíronse entón ao público para pedirlle que non abandonasen o Salón de Plenos ata ser desaloxados polas forzas da orde. Unha circunstancia que non chegou a producirse xa que os grupos provinciais do Partido Socialista e o BNG, reanudaron a sesión a porta pechada na Sala de Xuntas, completando a orde do día do Pleno. O PP e Marea negáronse a participar no Pleno a porta pechada.
"Desgraciadamente nesta casa non hai democracia", reprochou a portavoz do PP, Nidia Arévalo "cada vez é peor, estas practicas aquí son habituais. É lamentable", engadiu.
Pola súa banda, o deputado Carlos López Font, "en nome do conxunto do goberno" compareceu en rolda de prensa para mostrar a "indignación" pola "falta de respecto á democracia" que, ao seu xuízo, está a realizarse por parte do Partido Popular.
"Estamos fartos de chillidos, de que nunha institución como a Deputación e no seu Pleno non se poida debater pola actitude do Partido Popular", afirmou López Font.
O portavoz do goberno provincial PSOE-BNG, denunciou que "desde o primeiro día" os deputados do PP "o único que pretenden é romper os plenos, un boicot sistemático a que se celebren no ambiente democrático" polo que declarou que "esiximos do Partido Popular un respecto institucional".
Carlos Font describiu o comportamento da deputada Nidia Arevalo co dunha "auténtica hooligan" pola forma na que se dirixiu ao secretario e asegurou que desde o goberno provincial "non imos consentir que mes a mes convertan o pleno nun circo".
O portavoz provincial explicou que "en defensa da democracia", o goberno que preside Carmela Silva decidiu que "cando non se poida realizar o pleno nas condicións normais", é dicir "cando os representantes elixidos polos cidadáns non podamos falar, interrómpasenos, insúltesenos", os plenos teranse que celebrar a porta pechada.
TAPAR A CORRUPCIÓN
Segundo o portavoz do goberno provincial "só hai unha explicación" ao ocorrido no Pleno deste venres e é que o PP "o único que pretende é este ruído, esta algarabía, esta falta de respecto e insultos para tapar a corrupción xeneralizada que teñen no seu partido".
Unha estratexia de "desviar a atención" que, asegura "non imos consentir".
A ESCUDERIA DESMÁRCASE
O presidente da escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño, que organiza o Rallye Internacional Rías Baixas desmarcouse dos feitos ocorridos este venres no Pleno da Deputación.
"La escudería no tiene nada que ver con lo ocurrido en la Deputación", insistiu Fernando Mouriño. O presidente da escudería quixo aclarar que non houbo ningún tipo de convocatoria oficial nin estivo presente portavoz algún deste equipo de competición.
Relacionadas:
-
O Pleno da Deputación cambia as regras do xogo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Valedora do Pobo lembra ao PP que a lei dá a razón a Carmela Silva na súa regulación dos plenos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O PP denuncia ante a Valedora do Pobo o goberno da Deputación por retirarlle o dereito a réplica
Por Redacción |
-
Un edil do PP de Moraña chama "mala zorra y sinvergüenza" a Carmela Silva en Facebook
Por Redacción | Creada e actualizada