Pompas e Alianza entregan ao Museo de Pontevedra os primeiros restos da escavación de Arcebispo Malvar
Por Redacción
Pompas Fúnebres e Alianza y Barros entregaron este mércores ao Museo de Pontevedra por primeira vez algúns restos da escavación que están a executar na parcela destinada a tanatorio entre as rúas Uruguai e Arcebispo Malvar. En concreto depositaron dúas bitas con certo valor etnográfico, unha delas, de 1,60 metros de altura, atopada no dique máis exterior dos localizados nesa área, e unha peza dunha posible áncora de datación indeterminada.
As dúas empresas están a afrontar a terceira e última fase da intervención arqueolóxica que segue as disposicións da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra, dependente da Consellería de Cultura da Xunta.
A primeira fase serviu para destapar un longo tramo de muralla medieval, de 34,57 metros de lonxitude, con vestixios dun posible baluarte defensivo no seu lado leste e unha especie de peirao que continuaría no solar lindeiro no extremo oeste e que pode estar relacionado cunha torre.
A segunda etapa consistiu na construción dun muro de micropilotes destinado a garantir a estanquidade do soar, e a terceira está a permitir completar a escavación de toda a parcela.
As empresas promotoras do bautizado como Tanatorio das Correntes, Pompas Fúnebres e Alianza y Barros, manteñen a súa intención de estudar a posta en valor da muralla medieval acondicionándoa para o seu mantemento completamente ao aire, e confían en que a construción do edificio sexa compatible con esta idea.
Con este obxectivo afrontaron a redacción do correspondente proxecto de execución. Non obstante, ante calquera dúbida técnica ou funcional soterrarán os restos para garantir a súa total conservación.
Relacionadas:
-
Amosan a alumnos de Restauración os restos achados na escavación de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
Aparece a muralla medieval e os restos dun peirao do seculo XIX na antiga parcela do Teucro
Por Alejandro Espiño |
-
O Tanatorio das Correntes inicia a segunda fase da escavación arqueolóxica no soar de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
O proxectado tanatorio de Arcebispo Malvar, pendente das escavacións arqueolóxicas
Por Alejandro Espiño |