Portos comprométese a comezar a vindeira semana as obras de construción da ponte de Covelo
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, comezará a vindeira semana as obras de construción da ponte de Covelo. Así o anunciaron este mércores técnicos de Portos de Galicia nunha xuntanza cos membros da corporación de Poio e representantes das asociacións e colectivos veciñais.
En relación ao adiamento do inicio das obras, os técnicos explicaron na reunión que dependen da necesidade de conseguir os permisos pertinentes das obras que neste momento está a levar a cabo a compañía eléctrica responsable de trasladar as liñas de enerxía actuais.
Este é un requisito fundamental para que Portos de Galicia poida desenvolver os traballos de remodelación e acondicionamento da ponte de Covelo. Estes traballos que comezaron xa o martes e que está previsto que finalicen este venres.
Ademais, os técnicos lembraron que houbo que modificar o proxecto nalgúns aspectos. Isto foi debido a que no seu momento se lle solicitou colaboración ao concello para a busca dun acceso alternativo ao porto para o período de duración das obras e Portos non obtivo resposta a esta petición.
A previsión de Portos de Galicia é que as obras da ponte comecen o vindeiro luns 1 de febreiro, e que se prolonguen durante dous meses.
Por parte do concello solicitouse unha copia do proxecto a executar, así como coñecer cal será o importe total deste investimento. Tratáronse ademais diversas cuestións acerca do deseño e materiais da ponte, así como dos elementos que a acompañan (barandillas, pilastras, muros do entorno, etc.)
Na reunión, reiterouse a solicitude de entrevista co presidente de Portos de Galicia para trasladarlle a necesidade de dar un impulso definitivo a os dous proxectos de mellora das zonas portuarias de Raxó e Covelo, debido ao retraso que ambos acumulan.
O plan inicial era que as obras estarían completadas na súa totalidade antes do verán de 2013, e suporían un investimento de 4,2 millóns de euros.
A día de hoxe, comezado xa o 2016, a única obra realizada foi a pasarela de Raxó, por un importe de 103.000 euros. Un investimento que non acada nin o 2,5% do compromiso adquirido con Poio.
Relacionadas:
-
Os veciños de Covelo e Raxó cren que Portos de Galicia estalles "tomando el pelo"
Por Oskar Viéitez |
-
Amplíase a pavimentación na ponte de Covelo
Por Redacción |
-
A ponte de Covelo mellorará a súa seguridade este verán
Por Redacción |
-
Esíxenlle a Portos de Galicia que complete os proxectos de mellora das zonas portuarias de Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Poio esixirá a Portos a inmediata remodelación da ponte de Covelo
Por Oskar Viéitez |