Mariscadoras ante a prórroga a ENCE: "Non queremos Celulosas nin tampouco a depuradora"
Por Alejandro Espiño
As mariscadoras do fondo da ría de Pontevedra téñeno claro. A situación "ideal" para elas sería que na súa contorna principal de traballo non estivesen situadas "nin ENCE nin tampouco a depuradora". Esa é a reflexión que fixo este mércores a patroa maior da confraría de Lourizán, María del Carmen Vázquez Nores, durante a súa visita ao Concello de Pontevedra.
"Se ten que desaparecer ENCE que desapareza tamén a depuradora, que se vaia todo xunto", demandou a representante de Lourizán. "Se se vai, que se vaia todo e que cada concello asuma a súa merda", afirmou visiblemente molesta e chegando a cualificar a Lourizán como o "barrio chino" de Pontevedra. "Dan ganas de chorar. Fixéronse moitas aberracións", dixo.
Acompañada dos patróns maiores de Pontevedra e Raxó, César Rodríguez e Iago Tomé respectivamente -pósitos que representan a máis de 600 mariscadoras da ría- a responsable da confraría de Lourizán mostrouse, en todo caso, resignada ante a continuidade da empresa pasteira porque "sabiamos todos que non se ía marchar de aí".
"Eu crieime con ela e eu teño claro que o meu fillo tamén se vai a criar con ela", explicou aos xornalistas. Iso si, Vázquez Nores sinalou que "se ten que seguir", espera que mellore as súas condicións ambientais e que funcione "sen contaminar".
Ademais, lamentou que o Goberno non consultase co sector marisqueiro antes de darlle a prórroga a ENCE porque "temos dereito a opinar" sobre un asunto de tanta transcendencia e ao tratarse dun permiso para continuar coa súa actividade durante 60 anos.
Moito máis crítica foi coa actual situación da EDAR de Praceres, á que culpan directamente da cualificación como zona C do banco marisqueiro de Lourizán polas súas "continuas" verteduras e os seus problemas de bombeo. "A depuradora non dá de si e está a botar por fóra continuamente", denunciou.
Xunto aos tres representantes das confrarías do fondo da ría compareceu tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que a pesar de compartir con eles que a depuradora non funciona de forma adecuada, lembrou que hai 20 anos a ría recibía residuos "a caño libre" e que entón non había eColi -unha bacteria- senón "repolos", algo que se corrixiu, sinalou, cos esforzos por mellorar o saneamento.
Fernández Lores reiterou en todo caso que o interese "colectivo" dos pontevedreses é que ENCE abandone a ría e negouse a darse por vencido nesta loita porque a prórroga concedida á pasteira é un "roubo absoluto e unha agresión" á cidadanía e supón un "agravio comparativo" para o resto de empresarios pontevedreses, ao ceder os terreos a ENCE "por catro duros" coma se tivesen "dereito de pernada".
"Me gustaría que os mariscadores loitaran por defender a ría con todo o que hai detrás", sinalou o alcalde ao ver a resignación da patroa maior de Lourizán ante a continuidade de ENCE. "Este alcalde vai a seguir defendendo o que defendeu toda a vida, o noso territorio", destacou Fernández Lores, quen espera unha asistencia masiva á manifestación convocada pola plataforma ENCE Fóra! para o vindeiro venres.
Relacionadas:
-
O balcón do Concello volve falar: "Ence fóra da ría para sempre"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
ENCE non ten "ningún temor" aos recursos xudiciais e anuncia que tentará "convencer" aos críticos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A plataforma ENCE Fóra convoca unha gran manifestación o venres
Por Redacción |
-
A Xunta defende a prórroga a ENCE porque "estamos ao lado do emprego"
Por Redacción |
-
A Deputación considera "inaceptable" a decisión do Goberno sobre a prórroga a ENCE
Por Redacción |