"A internet é un mundo que ofrece posibilidades infinitas para o xornalismo"
Por Mónica Patxot
"Cando ocorre algo no mundo, o primeiro que fas é coller o móbil e entrar no Facebook ou no Twitter a ver que pasou". Con estas verbas puña de relevo o xornalista Alejandro Espiño, de PontevedraViva, a importancia que teñen na actualidade as redes sociais para a difusión da información.
As redes fan posible que a información "chegue ao usuario sen que vaia buscala", como engadiu o director de Código Cero, Marcus Fernández, outro dos relatores cos que este luns botou a andar en Ciencias Sociais e da Comunicación o 'Social Media Day'
A xornada dedicouse a "darlle espazo académico a un fenómeno de recente aparición e que está a ter unha forte implantación no mercado laboral", como é a xestión das redes sociais, segundo puxo de relevo na súa apertura o profesor Xabier Rolán.
Esta actividade, organizada con motivo da celebración do Día Mundial do Community Manager, tiña por obxecto afondar desde diferentes perspectivas, na importancia que teñen actualmente unhas redes "que forman parte do noso día a día", como lembrou Rolán.
AS "POSIBILIDADES INFINITAS" DA REDE
O director de Código Cero, Marcus Fernández, destacou que os medios dixitais deben empregar as redes sociais "nas dúas direccións", para facer chegar os contidos ao público "e para escoitar tanto aos nosos seareiros como a propia actualidade".
"A internet é un mundo que ofrece posibilidades infinitas para o xornalismo", apuntou Alejandro Espiño, quen afondou na importancia que as redes sociais teñen para PontevedraViva. En primeiro termo, porque "gran parte do noso tráfico chega a través delas", pero tamén por seren "unha fonte de información inesgotable" e un xeito "de manter un contacto continuo" cos lectores.
"O mellor que lle pode pasar a un medio dixital é crear unha comunidade arredor del, e ese traballo actualmente sería imposible sen as redes sociais", sinalou.