Un profesor de Ciencia Política critica ante os mozos do PP a suba de impostos de Rajoy e apoia a reforma laboral
Por Anxo Lourido
Miguel Bastos é profesor de Ciencia Política e da Administración en Santiago de Compostela e sostén que Rajoy acertou coa reforma laboral pero equivocouse coa suba de impostos. Así llo expuxo na sede local do Partido Popular de Pontevedra aos membros de Novas Xeracións que inauguraban así a Escola de Formación. Bastos afirma que a crise española cumpre cos prototipos doutras crises: "aquí foi porque estoupou a burbulla inmobiliaria pero podía ser porque estoupasen os bonos, os stock options ou a bolsa como na crise do 29. As consecuencias sempre son as mesmas".
O profesor indica que "o sistema está roto. Para recuperalo, a única fórmula é aforrar e sanar a economía. Temos estrutura dañada no sector da construción. Hai que conseguir aforrar o capital e reinvestir en sectores produtivos". Bastos é contundente cando se lle pregunta polas solucións para o desemprego: "ten que ser a través do axuste salarial a curto prazo. Os salarios dalgúns sectores teñen que deprimirse para facilitar a reconversión para outros sectores". E por ese motivo considera acertada a reforma laboral emprendida polo Goberno de Mariano Rajoy, mesmo engade que "hai que profundizala máis".
Suba de impostos
Pola contra, o profesor Miguel Bastos amósase contrario á suba de impostos: "o Estado recada tributos e gástaos en nóminas e en gasto corrente e está sendo detraido do aforro que pode permitir financiar a recuperación económica. Desta maneira, as empresas non poden sanar e non hai capital para investir en sectores punteiros e innovadores. Así, estamos transformando gastos de capital en gastos de consumo".
E engade que "houbo un pequeno brote verde en 2011, unha pequena recuperación e matouno todo a subida de impostos".
A deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, foi a madriña do acto ao que tamén asistiron os concelleiros María José Rodriguez Teso, César Abal e Pablo Fernández, ademais do alcalde de Cotobade, Jorge Cubela.