As alfombras, en Bueu, xa non son patrimonio exclusivo do Corpus
Por Redacción
As tradicionais alfombras do Corpus Christi xa non só se poderán ver en Bueu con motivo desa festividade. A Asociación Cultural das Alfombras do Corpus de Bueu celebra o seu primeiro ano de vida traballando na recuperación da tradición das alfombras e do Corpus na localidade e, para celebralo, presentou un programa que comezará o 1 de febreiro e durará varios meses.
A presidenta do colectivo, Carmen Santos, presentou a programación nunha rolda de prensa na que tamén se proxectou un vídeo do Corpus do ano pasado e os presentes puideron ver todo o proceso de confección das alfombras, unha tradición que une a pequenos e maiores, e na que se mesturan "pasado, presente e futuro".
O vindeiro 1 de febreiro será convocado un concurso de carteis para o Corpus e o 15 de marzo comezarán as II Xornadas das Alfombras do Corpus, nas que haberá unha exposición, conferencias no Museo Massó con representantes do Corpus de Ponteareas e Redondela, e a Gala de homenaxe aos alfombristas veteranos, que será o 24 de marzo.
Entre o 12 e o 15 de maio, a asociación viaxará a Noto, en Italia, para participar na confección dunha alfombra e nunha conferencia no marco do Congreso Internacional de Arte Efímero. E xa propiamente do 22 de maio ao 6 de xuño, a Asociación estará metida de cheo na celebración do Corpus, tanto en Cela (22 de maio), como en Bueu (28 e 29 de maio), e en Beluso (5 e 6 de xuño). Tal e como salientou Carmen Santos, "este ano buscarase a participación e relanzamento nas celebracións das outras alfombras das parroquias buenenses".
Unha vez pasado o Corpus, as alfombras seguirán estando presentes en Bueu noutros actos. Tal é o caso da Festa do Carme, na que se van confeccionar varias alfombras a cargo de varias delegacións de alfombristas convidados: Castropol, Ponteareas, Redondela, San Valentín de Otorio (Nápoles) e, aínda por confirmar, Carrión de los Condes.
Ademais, o FICBUEU terá a súa alfombra vermella confeccionada tamén con flores, novidade importante que se introducirá na edición deste ano.
o Corpus de Bueu from el espejo mágico producciones on Vimeo.
Relacionadas:
-
Bueu homenaxea os seus alfombristas máis veteranos
Por Redacción |
-
Aumentan as axudas económicas para a confección de alfombras do Corpus en Bueu
Por Redacción |
-
A Asociación das Alfombras de Bueu convoca un concurso de carteis
Por Redacción |
-
Bueu aspira a que a súas alfombras florais sexan recoñecidas pola UNESCO como "arte efémero"
Por Redacción |
-
Bueu celebra a Festa do Carme coa tradicional procesión marítima
Por Redacción |