Unha provincia 'amiga dos nenos', proposta de César Mosquera aos alcaldes
Por Redacción
Todos os alcaldes e alcaldesas da provincia foron convocados polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, para transmitirlles a súa intención de impulsar a creación dunha rede de cidades e vilas amigas dos nenos e nenas en Pontevedra, seguindo as liñas do investigador italiano, Franceso Tonucci.
O encontro de rexedores será o vindeiro mércores 27 ás dez da mañá no edificio administrativo da institución provincial.
A filosofía de Tonucci, que pretende tomar aos nenos como parámetro e garantía das necesidades de todos os cidadáns, "entronca perfectamente co que a Deputación quere desenvolver na provincia para acadar cidades cómodas, amables, seguras e accesibles, garantindo as mobilidades de tódolos sectores", destacou Mosquera.
Subliñou, en calquera caso, que cada municipio debe determinar como deseña o seu espazo público e insistiu en que a decisión formal para a adhesión á rede debe ser tomada polos alcaldes e os seus gobernos.
De feito, explicou que a participación debe ser confirmada mediante un acordo do consello municipal ou polo Pleno de cada concello, onde se debe facer unha presentación do proxecto adaptándoo ás características propias do lugar.
A reunión do vindeiro mércores será, por tanto, unha primeira toma de contacto cos rexedores para dar a información precisa sobre o proxecto e pulsar as súas impresións sobre a viabilidade da iniciativa: crear unha 'provincia amiga dos nenos'. De saír adiante, Pontevedra uniríase a unha rede mundial na que participan centos de cidades europeas e americanas e na que a capital da provincia tamén está presente.
A proposta da institución provincial aos demais concellos de Pontevedra xurdiu o pasado mes de novembro, cando a Deputación participou en Roma no congreso 'Autonomía é saúde' organizado polo sociólogo italiano Francesco Tonucci.
Relacionadas:
-
Tonucci: "Hai que pensar a mobilidade doutra maneira e niso en Pontevedra son os mestres"
Por Redacción |
-
Alcaldes da provincia acuden ao encontro de Tonucci, o gurú da 'cidade dos nenos'
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación asumirá o papel de ser o referente das cidades amigas dos nenos
Por Mónica Patxot |
-
Tonucci quere que a filosofía de cidade amiga dos nenos se estenda de Pontevedra a toda a provincia
Por Redacción |
-
Máis de cen alcades e técnicos aplauden en Roma o modelo de mobilidade que a Deputación aplicará na provincia
Por Redacción |