O Concello de Sanxenxo e o Seo Birdlife promoverán as aves do municipio
Por Redacción
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, presentou este venres o convenio subscrito por este departamento coa ONG Seo Birdlife, para promover o coñecemento e a posta en valor das riquezas naturais do municipio.
O convenio contempla o desenvolvemento de actividades de divulgación dos valores naturais que existen en Sanxenxo, de educación ambiental con saídas de grupos escolares que participasen en actividades de avistamento de aves, e de formación para aqueles veciños que poidan estar interesados en coñecer a gran variedade de aves que pasan o inverno no municipio e aos que poderiamos chamar "os outros turistas".
Coral González-Haba explicou que un dos maiores atractivos de Sanxenxo é o turístico e, mediante esta colaboración, tamén se busca diversificar a oferta para atraer un abano máis amplo de persoas que coñezan o municipio.
"A oferta de sol e praia é moi ampla en Sanxenxo, pero vimos a oportunidade de ofrecer unha nova ofertar relacionada co turismo ornitolóxico, un sector en auxe moi atractivo para turistas nacionais e internacionais, e que pretendemos fomentar engadindo a parte de Sanxenxo do Complexo Intermareal Umia-O Grove, un humidal declarado como de importancia internacional, á reserva ornitolóxica que a Seo declarou recentemente en colaboración co Concello do Grove e á que temos prevista a nosa adhesión".