A 'Sétima Feira' sacará á rúa a arte e a moda dos creadores e emprendedores pontevedreses un sábado ao mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A tenda 'Estrellas o Limones' abreu as súas portas na rúa Marqués de Aranda, no casco histórico de Pontevedra, hai escasas semanas ofrecendo unha selección de artigos para nenos de todo o mundo, xoguetes sostibles, decoración, complementos, cosmética orgánica, música ou contos. É un establecemento máis dos que están a dar vida ao casco histórico e dos que día a día dinamizan a vida comercial da cidade, pero serve de exemplo dunha cultura emprendedora que a partir do vindeiro 13 de febreiro terá a súa posta de largo na rúa Serra a través da iniciativa 'Sétima Feira'.
A responsable de 'Estrellas o Limones', Patricia Estévez, foi este venres unha das protagonistas da comparecencia pública realizada no Concello de Pontevedra para presentar a iniciativa e agradeceu á Administración local e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que puxeran en marcha un proxecto do que "comparte a filosofía" e no que quere estar "si ou sí".
'Sétima Feira' mestura arte e moda nunha feira innovadora e rupturista que dará un espazo para expoñer e vender a aquelas propostas creativas da cidade que buscan dar a coñecer o seu traballo e non atopan onde facelo ao tempo que se finanzan as súas iniciativas.
"Non coñezo ningunha que teña esta filosofía, que esté pensado para a arte e para a moda con esa filosofía de colaboración co cocmercio local, nun entorno físico e cos requisitos que pedimos", aseguraba Anabel Gulías nesa presentación, na que deu a coñecer a doble vertente de traballo do proxecto.
Por un lado, o Concello abrirá a vindeira semana unha oficina técnica nun local municipal ata agora desocupado da rúa Serra para asesorar aos novos creadores e emprendedores na que se poderán inscribir as persoas interesadas en participar no proxecto. Polo outro, cada segundo sábado do mes, entre as 11.00 e as 15.00 horas, celebrarán unha feira na rúa Serra.
'Sétima Feira' ten como obxectivo crear un espazo de mercado para os novos creadores de arte e moda nos que participen directamente estudantes da Facultade de Belas Artes así como comercios alternativos da cidade e, ao mesmo tempo, contribuír á rehabilitación do ámbito do mercado de abastos.
A feira contará con animación de rúa e actividades para nenos e, nun principio, está pensada para ter 15 postos que irán renovando cada edición. Estarán, en principio, na rúa Serra e, en caso de que faga mal tempo, ou ben baixo unha carpa ou no segundo piso da praza de abastos.
Relacionadas:
-
Trae estes produtos á Sétima Feira máis solidaria e serás de gran axuda
Por Redacción |
-
A imaxinación aniña na primeira planta do Mercado
Por Redacción |
-
O grupo Australia e o DJ JC poñerán a nota musical á Sétima Feira
Por Redacción |
-
Quince creadores pontevedreses participarán na primeira Sétima Feira
Por Redacción |