Os directivos de Elnosa din que só lles falta convencer ao alcalde para poder seguir en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A dirección da multinacional portuguesa CUF, propietario da fábrica de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa), asegura que só lles falta "convencer ao alcalde de Pontevedra" para poder continuar no seu actual emprazamento en Lourizán.
O Grupo CUF convidou a varios medios de comunicación a unha visita guiada ás súas instalacións na cidade lusa de Estarreja, onde xa está a funcionar a tecnoloxía de membranas "máis limpa e barata" que queren implantar na súa fábrica da ría de Pontevedra, onde se seguen empregando as celas de mercurio, que supón o uso de grandes cantidades deste perigoso metal pesado.
Nesta cita explicouse que serán necesarios "sobre dous anos" de obras para implantar esta tecnoloxía de membrana na fábrica da ría de Pontevedra e un investimento que estima "de 30 a 40 millóns de euros".
ELNOSA FÓRA DE PRAZO
O director executivo de CUF, João de Mello, desvelou que nestes momentos Elnosa xa está fóra de prazo: "o límite que nos fixabamos xa terminou, era decembro de 2015, agora nestas cuestións non podemos ser fundamentalistas, temos que levar estas cuestións con agarimo pero queremos chegar ao final. Xa excedemos as liñas vermellas. Xa excedemos o prazo pero aínda temos esperanza".
A produción de cloro pola tecnoloxía de electrolise de amálgama de mercurio está limitada pola Unión Europea e pola lexislación española a marzo de 2017, pero se hai compromiso de investimento no cambio de tecnoloxía, a Xunta pode prolongar a súa actividade ata 2020.
De Mello confesou que demoraron ata o último minuto o seu investimento porque a caducidade da concesión dos terreos de Lourizán era inminente polo que "non podiamos facer investimentos que logo fosen perdas", admitiu este directivo. Con todo, "no momento que cambiou a Lei de Costas empezamos a estudar isto e falar coas autoridades".
O TRASLADO NON ERA VIABLE
"Estudamos coa Xunta de Galicia outras localizacións para situar a Elnosa e chegamos á conclusión de que non era viable", afirmou Joao de Mello, porque "o custo dunha nova construción dunha nova fábrica de cloro era o dobre de mellorar a existente e así xa non era viable".
O CEO (Chief Executive Officer) da CUF admite sen ambaxes que "a primeira condición" que a multinacional portuguesa esixe para acometer ese investimento "é que exista unha viabilidade económica para que o investimento teña retorno, é dicir, que valla a pena facelo". A partir de aí os seguintes pasos son conseguir a licenza de construción.
En Portugal parecen dar por feito que España concederá a prórroga a Elnosa xa que "o noso gabinete xurídico di que o expediente de caducidade aberto por Costas está resolto, iso non é un problema, segundo nos din", indicou Joao de Mello.
ELNOSA XA SOLICITOU A PRÓRROGA DA CONCESIÓN
O director executivo de CUF informou que xa solicitaron a prórroga da concesión para Elnosa "a Xunta veo con moi bos ollos e apoia a permanencia de Elnosa en Galicia coa renovación tecnolóxica e por tanto agora fáltanos convencer ao alcalde de Pontevedra que foi ata o maior opositor á permanencia de Elnosa".
O directivo da CUF lembrou que xa solicitaron sen éxito varias entrevistas con Fernández Lores. "Esperemos que rapidamente el nos queira recibir para explicarlle de viva voz, persoalmente, que a fábrica de Elnosa configurada da forma que nós pensamos non trae mal para o medio ambiente nin para as persoas, todo o contrario. Vai traer ben, creación de riqueza de emprego e de valor", afirmou.
Para convencer ao rexedor Joao de Mello confía en que sexa suficiente con "transparencia e información" xa que con esta receita funcionou na localiad lusa de Estarreja onde teñen outra fábrica de cloro dotada da máis moderna tecnoloxía.
"Creo que o principal problema é que o alcalde de Pontevedra non nos recibe" insistiu o CEO da CUF.
Finalmente Joao de Mello sinalou que cambiar de tecnoloxía "supón manter os postos de traballo, que é importante" e de fronte ao futuro aventura que derivado da actualización tecnolóxica "van aparecer oportunidades no mercado de crecemento" iso daría á fábrica de Elnosa unha perspectiva a longo prazo "e a partir de aí o que sexa".
Relacionadas:
-
Ence, 60 anos máis en Lourizán; Elnosa, mantense á espera
Por Mónica Patxot & Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Elnosa temen que a empresa se traslade a Torrelavega
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta ten con Elnosa o "mesmo posicionamento" que con ENCE: son "determinantes" para Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra reitera que a permanencia de Elnosa é imposible en Lourizán
Por Redacción |
-
Os responsables de Elnosa organizan unha visita a Portugal para coñecer a tecnoloxía aplicable en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O Tribunal Supremo ordena iniciar o expediente de caducidade da concesión de Elnosa
Por Oskar Viéitez |