Ence asegura que os terreos do campo de Praceres destinaranse á ampliación da EDAR
Por Redacción
A empresa Ence, a través dun comunicado, deu explicacións sobre o como e por que procedía o pasado luns 18 á derriba do campo de fútbol de Praceres. Ao tempo, dá resposta a algunhas máximas que por mor da demolición, puxeran sobre a mesa populares e nacionalistas de Pontevedra.
En primeiro lugar a pasteira aclara os motivos da devandita demolición. Así, a derriba é resultado do expediente de caducidade da concesión de terreos en Lourizán, "consecuencia das demandas da asociación Salvemos Pontevedra", e que supuxeron tamén a perda para Ence, da titularidade do chan do campo de fútbol de Praceres.
Para dar cumprimento á resolución xudicial ditada no mes de xullo de 2015, a empresa realizou as pertinentes xestions co Servizo de Costas de Pontevedra. Unha vez concluída a demolición e a adecuación do terreo, "a compañía procederá á súa devolución ao Estado, que é o propietario do mesmo".
En canto ao futuro uso do solar, destinarase a ampliar a Estación Depuradora de Augas Residuais de Pontevedra, lindeira coa dotación deportiva.
Sería, segundo o comunicado de Ence, un primeiro paso para resolver o problema de depuración de augas da zona. Respecto diso, lembra que a Unión Europea condenou a España por incumprir a normativa de calidade de augas residuais e que a EDAR de Pontevedra require dunha ampliación ao non cumprir cos parámetros establecidos polas autoridades europeas.
Tamén previamente á devandita derriba, representantes da empresa chegaron a un acordo co Club San Andrés de Lourizán e o seu equipo de veteranos para que poidan contar con novas instalacións deportivas. Neste punto engaden que "a compañía quere participar de forma importante no financiamento de novas instalacións seguindo coa súa política de responsabilidade empresarial e de compromiso coa calidade de vida dos veciños de Pontevedra e a súa comarca".
Relacionadas:
-
Augas de Galicia necesitará ampliar a superficie da EDAR de Praceres para "practicamente duplicar a súa capacidade"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
As mareas de Pontevedra, Marín e Bueu, unidas para pedir unha alternativa á EDAR de Praceres
Por Diego Espiño |
-
Os veciños de Lourizán apostan por restablecer o campo de fútbol derrubado co apoio de C's, PP e PSOE
Por Redacción |
-
Carme da Silva: "O que sorprende é que Ence exerza de portavoz da Xunta"
Por Redacción |