A feira de oportunidades de Ponte Caldelas celebrarase os días 13 e 14 de febreiro
Por Redacción
A Mesa Local de Comercio de Ponte Caldelas puxo data á nova edición da feira de oportunidades da vila. Será a fin de semana do 13 e 14 de febreiro.
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas, presidida por Jesús Peleteiro, trasladou ao alcalde a idoneidade desta data para a celebración da feira ao considerar que encaixa perfectamente no calendario feiral e do comercio dos municipios dos arredores.
O obxectivo é conseguir que Ponte Caldelas se converta, nesa fin de semana, nun polo de atracción para que os consumidores poidan facer as compras de fin de tempada, visiten o municipio e acudan tamén aos distintos establecementos gastronómicos existentes na zona.
Por outra banda, os comerciantes aproveitaron a reunión para valorar con Andrés Díaz os resultados da campaña de Nadal así como distintas iniciativas de dinamización do comercio local que irán sendo analizadas e postas en marcha ao longo do presente ano que agora comeza.