Moreira reclama a Lores a construción dun novo campo de fútbol en Praceres
Por Anxo Lourido
Operarios de Ence iniciaron durante as últimas horas as obras de desmantelamento do campo de fútbol de Praceres, atendendo á orde emitida a través do expediente de caducidade da empresa pasteira emitido por Costas. O Partido Popular, a través do seu portavoz local, Jacobo Moreira lamentou a perda desta instalación deportiva, terreo onde xogaba o club de fútobl San Andrés de Lourizán.
Moreira sinalou que Miguel Anxo Fernández Lores leva 16 anos pleiteando con Ence e como resultado a industria continúa no mesmo lugar e "algo bo xa non está" en referencia a este campo de fútbol, que dependía da empresa pasteira.
O portavoz popular rexeita que o equipo do San Andrés de Lourizán teña que adestrar en terreos de Marín ou da Xunqueira e solicitou que o Concello leve a cabo a construción dun novo campo de fútbol, se é posible, no mesmo espazo no que se atopaba para dar servizo á parroquia con maior número de habitantes do municipio.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Pola súa banda, Demetrio Gómez, concelleiro coordinador do rural, manifestou que Ence actuou unilateralmente no desmantelamento deste campo de fútbol. O concelleiro indicou que no expediente de Costas é Ence quen ten que incorporar os terreos ao dominio público marítimo terrestre e ocuparse de que os usuarios conten con outro terreo para as actividades deportivas. Desde o goberno local apuntan que o expediente se atopa recorrido polo Concello ao entender que Costas retira a concesión á única instalación que a empresa cedeu aos veciños de Lourizán.
Ante esta situación, Demetrio Gómez afirma que "está claro que a Ence os veciños de Lourizán e os de Pontevedra non lle interesamos nada en absoluto. O único que lles interesa é a súa conta de resultados".
Ademais, afirmou que nos servizos municipais non teñen constancia de que a empresa pasteira haxa solicitado licenza para levar a cabo as obras de demolición do campo.
Desde o goberno local, apuntan a que o equipo de San Andrés de Lourizán leva meses utilizando as instalacións da Xunqueira e de Marín e recoñece que a rede de instalacións deportivas para as parroquias non contempla un campo en Lourizán porque contaban con que Ence facilitase unha alternativa para os veciños desta parroquia.
Relacionadas:
-
Os veciños de Lourizán apostan por restablecer o campo de fútbol derrubado co apoio de C's, PP e PSOE
Por Redacción |
-
O Concello acudirá como parte no procedemento administrativo de prórroga a Ence
Por Redacción |
-
O Concello recorre a resolución ministerial "que consolida á situación de ENCE"
Por Diego Espiño |