Os responsables de Elnosa organizan unha visita a Portugal para coñecer a tecnoloxía aplicable en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A dirección da multinacional portuguesa CUF cursou unha invitación aos medios de comunicación de Pontevedra para participar o vindeiro mércores día 20 de xaneiro nunha visita guiada ás súas instalacións na cidade lusa de Estarreja, onde xa está a funcionar a tecnoloxía que queren implantar na súa fábrica de Elnosa.
A CUF enmarca esta invitación "no ámbito da discusión sobre o futuro da fábrica de Elnosa en Galicia".
O evento terá como obxectivo a presentación da tecnoloxía utilizada en Portugal, como unha "solución posible" para a fábrica de Elnosa, ademais dun xantar coa participación do director executivo (CEO- Chief Executive Officer) de CUF, João de Mello.
Durante a conmemoración do Día do Patrón o pasado 16 de decembro, acudiu á fábrica de Lourizán, João de Mello, presidente do Consello de Administración da CUF, que transmitiu aos traballadores no seu discurso "o apoio á empresa pontevedresa nas accións que están a desenvolver tendo como obxectivo a posibilidade de reconversión tecnolóxica na actual localización".
Tamén o administrador de Elnosa, Mesquita Sousa, comentou neste mesmo contexto as perspectivas para este ano 2016.