Mil aspirantes a enfundarse o uniforme militar e outras funcións da Subdelegación de Defensa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ao redor de mil aspirantes a formar parte das Forzas Armadas examináronse ao longo do ano pasado a través da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, unha cifra similar á de anos anteriores na que, iso si, casa vez nótase que o número de persoas cunha licenciatura que concorren ás convocatorias é maior. O dato deuno este venres o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Ángel De Miguel Campos, tras o acto institucional do Día da Subdelegación de Defensa celebrado en Pontevedra.
O subdelegado de Defensa matizou que os aspirantes que se examinan en Pontevedra poden optar a calquera praza vacante que salga en todo o territorio nacional, non necesariamente a unha das convocadas para as unidades destacadas na provincia: a Brilat e a Escola Naval Militar de Marín. Ano tras ano constataron, con todo, que ese "número constante" de aspirantes pode variar entre os 700 e os 1.000 en función da cantidade de prazas que se convoquen para eses dous destinos pontevedreses.
O recrutamento dos novos membros das Forzas Armadas é unha das funcións que cumpre a Subdelegación de Defensa, pero, nin moito menos, a única e este venres quedou patente durante o seu acto institucional. Ángel De Miguel reivindicou que en Pontevedra a Brilat ou a Escola Naval son a cara máis coñecida das Forzas Armadas, pero o papel da Subdelegación que dirixe é igualmente importante e aínda que "menos vistoso porque no es tan operativa","tiene un cometido totalmente complementario" e que axuda a liberar ás unidades operativas de todas as tarefas administrativas e de persoal.
Desde as instalacións do Paseo de Cervantes diríxese, pois, o reclutaminto de persoal, pero tamén a atención a viúvos ou fillos das Forzas Armadas, a organización de actividades formativas, conferencias e actos de divulgación do Exército, asesoramento... De todas esas tarefas sacaron peito os presentes no acto e o subdelegado de Defensa móstrase tan orgulloso que xa anuncia que "en principio, hasta 2018, si no pasa nada, seguiré aquí". E logo aínda poderá prorrogar tres anos máis o cargo no que leva desde decembro de 2014.
O acto institucional contou coa presenza do secretario xeral técnico do Ministerio de Defensa, David Javier Santos Sánchez; o delegado de Defensa en Galicai, Juan Carlos Sancha Orduña; o xeneral xefe da Brilat, Luís Cebrián Carbonell; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; e autoridades civís e militares que quixeron lembrar os 30 anos da creación das subdelegacións de Defensa e, ao mesmo tempo, presenciar a imposición de condecoracións e de títulos de reservistas honoríficos.
Alumnos dos colexios Doroteas e Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, Salvador Moreno de Marín e Alexandre Bóveda de Vigo foron tamén protagonistas, como gañadores da terceira edición do concurso escolar de relato 'Carta a un Militar Español' e o xeneral da Brilat e o subdelegado do Goberno recibiron unha placa conmemorativa do acto en agradecemento pola súa colaboración e apoio.