Traballadores de limpeza dos centros de saúde iniciarán actos de protesta por impago
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os traballadores da limpeza nos centros de saúde e nos edificios da Deputación provincial, pertencentes á empresa Linorsa, mantiveron dúas asembleas durante este xoves 14 no edificio sindical. O motivo destas asembleas atópase en que a empresa adxudicataria do servizo de limpeza do SERGAS nos centros de saúde de Pontevedra non pagou a metade da nómina do mes de decembro, nin a extra nin os atrasos de 2014 e 2015.
Ante esta situación, o comité de empresa que mantivo durante o mércores 13 unha reunión coa dirección móstrase preocupado porque Linorsa ten as contas bloqueadas polo ministerio de Facenda, debido á débeda de preto de dous millóns de euros que ten contraída coas arcas públicas. A empresa está a negociar con Facenda, que lle reclama avais. A dirección comunicou aos representantes dos traballadores que este problema se solucionará pero os traballadores levan sufrindo atrasos e incidencias nos pagos durante os dous últimos anos.
Na provincia de Pontevedra son 500 os traballadores afectados cunha débeda que ascende a 400.000 euros, segundo comentou Emilio Fernández, membro do comité de empresa. Linorsa, segundo fontes sindicais, ten débedas noutros puntos de Galicia e nas comunidades autónomas de Madrid e de Castela-León.
Curiosamente o SERGAS prorrogou o contrato con Linorsa por dous anos para a limpeza dos centros de saúde mentres que o anterior goberno da Deputación provincial asinou un contrato por dous anos para a limpeza dos seus edificios coa posibilidade de prórroga por outros dous. E o 1 de xaneiro concedéuselle a limpeza do aeroporto de Peinador.
Os sindicatos van solicitar entrevistas coa xerencia do SERGAS, coa Deputación e co Concello de Pontevedra, que tén adxudicada a limpeza do pavillón mulitusos a esta empresa, para reclamarlles a estas administracións públicas a suspensión das adxudicacións destes servizos para establecer un novo concurso e que entre unha empresa solvente.
Ademais, os traballadores, na súa meirande parte mulleres de mediana idade, iniciarán un calendario de actos de protesta nas vindeiras semanas coa intención de facer pública a súa situación laboral.