Areeiro estrea coche para os seus traballos de campo
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) conta dende esta semana cun novo vehículo para realizar o traballo de campo. Trátase do primeiro vehículo rotulado coa nova imaxe corporativa da institución provincial na que se representan os 62 concellos de Pontevedra.
Actualmente, o centro de investigación de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, conta cunha flota doutros tres coches (unha furgoneta e dous todoterreos) cos que se realizan os desprazamentos para obter os mostreos, ensaios e traballos de campo precisos nas súas investigacións en materia fitosanitaria, de edafoloxía e cultivos agrícolas e ornamentais.
Este novo vehículo é un todoterreno da marca Nissan que ven a sustituir a outro do mesmo estilo mercado hai máis de dez anos que requería de continuas reparacións e unha grande inversión económica para seguir sendo operativo. O orzamento desta adquisición é de 26.709 euros. As chaves foron recollidas polo director da EFA, Pedro Mansilla.