O Concello entregará no prazo de cinco días a documentación solicitada polo PP sobre Aquagest
Por Alejandro Espiño
O concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, anunciou que o Concello de Pontevedra entregará no prazo de cinco días a documentación sobre Aquaget solicitada polo Partido Popular, que este mesmo mércores volveu denunciar publicamente as "trabas" que están atopando nos últimos meses para acceder a expedientes relativos á xestión económica do goberno municipal.
En todo caso, non se entregará o libro maior de Aquagest -tal e como solicitaban os populares- xa que segundo Vicente García Legísima "non existe e non hai obriga legal de telo".
O goberno municipal remitirá ao PP os apuntamentos contables que constan na Conta Xeral desde 2009, unha información que é "pública" e á que poderían acceder en calquera momento, apuntou o edil do BNG.
O responsable de Réxime Interior e Persoal explicou que o atraso na entrega desta documentación débese ao gran volume de traballo que teñen o órgano de xestión orzamentaria e contabilidade nos últimos meses do ano, aínda que negou que se incumpriu a normativa, xa que asegurou que segundo os técnicos ao non ser un expediente que está en tramitación "hai tres meses para contestarlles".
A pesar diso, desde o PP insisten na "falta de transparencia" do goberno municipal e engaden unha nova denuncia, que non lles conceden acceso aos DOCCM, os contratos de obras menores de ata 60.000 euros, información que solicitaron o pasado mes de outubro e que, segundo os concelleiros Rafael Domínguez e César Abal, non se lles facilitou aínda.
Relacionadas:
-
O PP denuncia que o Concello fai un emprego "abusivo" dos contratos negociados sen publicidade
Por Redacción |
-
O PP insta á creación dunha comisión de investigación sobre Cespa e Aquagest
Por Redacción |
-
O PP denuncia que o Concello lle nega o acceso á documentación relativa a Aquagest
Por Alejandro Espiño |