A comisaría de Pontevedra estrea unha unidade especializada de atención á familia e á muller
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
A Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional xa está "en marcha" e "funcionando perfectamente" na comisaría provincial de Pontevedra. Deuno a coñecer este mércores o comisario provincial, Manuel Bouzas, con motivo do acto de conmemoración do 192 aniversario da creación da Policía que se celebrou no salón de actos das instalacións policiais da rúa Joaquín Costa coa o presenza do subdelegado do Goberno, Antonio Coello; o coronel da Garda Civil, Miguel Estévez Lara; e mandos da Policía Judiciaria portuguesa.
A creación desta unidade foi un compromiso adquirido polo comisario Bouzas á súa chegada a Pontevedra no mes de xullo e conta xa cunha inspectora especializada que, durante un mes e medio, recibiu formación específica nun curso en Madrid. Servirá para dar servizo ás vítimas do "gran problema" da violencia de xénero, do que na provincia houbo no último ano "un pequeño repunte" no número de denuncias.
Antes do inicio do acto, o comisario referiuse, a preguntas da prensa, á situación das infraestruturas policiais en Pontevedra e anunciou que a principios do mes de febreiro estará terminada a obra realizada para a reforma integral da área de seguridade, na que se instalou un sistema de videovixilancia nos calabozos. En relación coa obra da fachada, aínda non hai novidades, pero Manuel Bouzas asegurou que xa están a traballar "para dignificar el trabajo" dos policías e que os cidadáns "tengan unas mejores instalaciones donde acudir".
Pontevedra pechou o ano 2015 cunha redución de case dous puntos nos índices de criminalidade e número de delitos. En concreto, reducíronse 1,97 puntos, por encima da media nacional de 1,17. Manuel Bouzas aplaudiu esas cifras con motivo do aniversario da Real Cédula que o 13 de xaneiro de 1824 creaba a Policía Xeral do Reino, o primeiro antecedente da actual Policía e que xa recollía como principal función dos axentes "o servizo público de seguridade, garantindo o ben e a seguridade pública".
Con motivo de tal celebración, impúxose a Cruz ao Mérito Policial aos policías de Pontevedra Juan Marcos Gómez, José Manuel Pires Leal, José Antonio Baquero, Julio Leal, Andrés Villanueva; e recoñeceuse con diplomas e medallas á dedicación ao servizo policial o traballo de Manuel Atanes Malvar, Francisco Javier Mangana Vidal, Francisco Javier Seoane, Carlos Fernández, Pelayo Blanco e Manuel Fernández Rodiño.
Os xubilados do Corpo tamén foron protagonistas no acto, que por primeira vez tivo un carácter público na cidade, e recibiron diplomas o comisario xubilado Feliciano González e os policías Manuel Bayón, Ángel Pandiño, José Ramón Maquieira, José Pérez Abilleira, Manuel Rivera Pontón, Emilio Rodríguez Domínguez, Ángel Tombo Costolla e Julio César Vázquez Prado.
Relacionadas:
-
25N | Os axentes protectores, velando pola seguridade das vítimas de violencia de xénero as 24 horas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía Nacional rende tributo aos seus xubilados e conmemora o seu 196 aniversario
Por Redacción & Natalia Puga |
-
A Comisaría está de celebración: 195 anos con Policía Nacional, 40 con mulleres no Corpo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
RADIO.- "Non se fai ningún favor ao menor manténdoo ante situacións violentas"
Por Marisa Ciordia |
-
A UFAM, unha unidade para dar atención especializada e personalizada a vítimas de violencia de xénero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Novo comisario e unha demanda: un equipo de atención especializada en violencia de xénero
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |