Bicicletas para mellorar a atención ao camiño xacobeo en Caldas
Por Redacción
A agrupación de Protección Civil de Caldas de Reis poñerá en marcha ao longo dos próximos meses dúas novas iniciativas destinadas a ampliar a atención e seguridade dos cidadáns, unha centrada no paso do Camiño Portugués a Santiago polo municipio e outra en ampliar unha aposta polas novas tecnoloxías aplicadas ás emerxencias que o colectivo de voluntarios caldense mantén nos últimos tempos.
O xefe da agrupación, José Sieiro, anunciou este martes que un cidadán anónimo doou a Protección Civil dúas bicicletas de montaña que pasarán a incrementar o seu parque de recursos e destinaranse a mellorar a atención aos peregrinos dentro do camiño xacobeo e as inspeccións de seguridade que Protección Civil realiza a diario. Ademais, utilizaranse para operativos de procura e grandes eventos como probas deportivas e similares.
Para optimizar o uso destes recursos crearase un equipo operativo específico que recibirá unha pequena formación no uso e mantemento das unidades. José Sieiro destacou que incorporar estas dúas bicicletas é un avance significativo que contribuirá ademais a reforzar os esforzos dos voluntarios da agrupación.
O segundo dos avances,que se aplicará no segundo semestre de 2016, supón incorporar as teleemerxencias. Usarán unha tablet con conexión a internet permanente que permitirá a toma de imaxes, vídeos e función de videochamada desde calquera punto do concello caldense. Permitirá obter información de retorno ante calquera situación de emerxencia desde o propio lugar, o cal axudará á toma de decisións e servirá como canle comunicativo ante a posible constitución dun Posto de Mando Avanzado.
José Sieiro indicou que existe a posibilidade de que teña conexión directa co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia que en próximos meses operará desde o novo edificio Centro Integrado de Atención de Emerxencias 112 Galicia na Estrada. Permitirá a comunicación bidireccional ante situacións de emerxencia e incrementará os recursos necesarios para que a sala de emerxencias do 112 teña información de calquera situación nas mellores condicións.