O campionato provincial de caza de raposo desafía ao mal tempo
Por Redacción
O pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas acolleu o xantar de confraternidade e a entrega de premios do XXIII Campionato Provincial de Caza do Raposo celebrado nos montes de Cotobade, A Lama, Fornelos e Ponte Caldelas e que foi gañado polo equipo de Silleda.
O acto de entrega dos galardóns contou coa presenza do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e do presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, así como varios directivos federativos, entre eles Francisco Couselo Castiñeira, presidente da FGC na provincia de Pontevedra.
O campionato desafiou ao mal tempo e desenvolveuse nos montes dos concellos de Cotobade, A Lama, Fornelos e Ponte Caldelas. Participaron arredor de 350 persoas que disfrutaron dunha xornada cinexética e gastronómica, así como de un bo ambiente de camaradería e bo humor.
O xantar tamén estivo amenizado por un grupo folclórico que interpretou varias pezas coñecidas da música galega que foron animando a sobremesa ata a entrega de premios.
O equipo gañador absoluto foi o composto polos cazadores de Silleda, en segundo lugar clasificouse o de Cotobade, en terceiro os de Armenteira e en cuarta posición remataron os de Lalín.
O encargado de animar a entrega de premios foi o xornalista cinexético Luis Macías quen agradeceu en nome da Federación Galega de Caza e dos organizadores a colaboración do Concello de Ponte Caldelas.
O alcalde Andrés Díaz tomou a palabra para sinalar que este municipio está aberto á participación harmónica e sostible do disfrute do monte co respecto polo medio ambiente e sinalou que os cazadores son os primeiros interesados en que os montes e a natureza gocen da mellor saúde posible para garantir a súa conservación e disfrute.