A Asociación de Comerciantes de Loureiro Crespo monta un banco de alimentos
Por Anxo Lourido
A crise aperta. Por iso nunca está de máis unha mostra de solidariedade. Neste caso, a recentemente creada Asociación de Comercieantes e Empresarios de Loureiro Crespo decidiu tomar a iniciativa e crear un banco de alimentos co obxectivo de axudar ás persoas que máis o necesiten.
Pero ademais, esta nova asociación xurdida hai apenas sete meses quere seguir demostrando as súas boas intencións e, nese sentido, decidiu dende este mesmo xoves 24 crear un banco de alimentos. Aquelas persoas que estean interesadas en facer algún tipo de doazón só deberán trasladar os alimentos ao número 63 da rúa Loureiro Crespo, no Bar Mónica, e achegar alí un paquete de arroz, un cartón de leite ou calquera outro material que queiran ofrecer para colaborar con esta iniciativa.
A concelleira, Carmen Fouces, mostrábase moi contenta con esta proposta e consideraba que "o mellor sería que o Estado e outro tipo de organizacións se fixesen cargo pero os cartos non chegan por ningunha parte. Non hai saída e estas son as iniciativas que colaboran para que dende o concello e as asociacións que traballan neste ámbito poidan aportarlle axuda as persoas que estean en situación de desvantaxe". Carmen Fouces agarda que esta proposta poida servir para que outros colectivos tamén poidan montar o seu propio banco de alimentos para que a través da Rede Axuda do Concello sexan trasladados despois ás persoas con máis necesidade. Segundo apuntou "levamos un tempiño con colaboracións das asociacións para que que nos aporten información sobre persoas que se atopan nesta situación". A concelleira lamentou que a Xunta e o Goberno central estean diminuíndo as partidas destinadas á área de benestar social.