Despois do Nadal, mans á obra!
Por Redacción
A partir do luns, se o tempo o permite, retomaranse todas as obras de reforma urbana que se paralizaron debido ás vacacións de Nadal. Segundo sinalou o concelleiro Luis Bará, as principais actuacións nas que se volverá a traballar será diante do Hospital Provincial, no acceso a Monte Porreiro polos Campos e na zona verde de Pasarón.
A nova praza do Hospital, que se prevé estará rematada a finais de febreiro, e a remodelación da zona traerá tamén a mellora da accesibilidade das ambulancias ás prazas de Urxencias. Despois de falar cos responsables técnicos do Sergas, acordouse pintar unha zona na que se vai prohibir o estacionamento para que os vehículos sanitarios podan entrar e saír e facer manobras sen problemas.
Pola súa banda, Viaqua retomará os traballos de instalación de canalizacións de auga na rúa Andrés Muruais. Trátase duns traballos que foron paralizados durante o Nadal, a petición dos comerciantes da rúa que entendían que podían prexudicar as súas vendas.
Bará indicou tamén que se fará unha avaliación do estado das rúas e espazos públicos cando rematen as choivas e temporais para facer as obras de mantemento e reposición que sexan precisas.
Ademais destas actuacións máis inmediatas, o Concello de Pontevedra ten previsto iniciar traballos e obras en distintos puntos da cidade, tanto na mellora dos xardíns e espazos públicos, como realizando pavimentacións de rúas, segundo engadiu o concelleiro Luís Bará.
Así, está previsto arranxar as beirarrúas e os xardíns da avenida da Estación -xunto a tenda de Xaime Trigo- cun orzamento de 60.444,18 euros, retirar as moreiras no primeiro tramo da rúa Fernando II e substituílas por outras árbores que non causen molestias aos veciños, pavimentar Campo do Boi, praza de Europa, avenida de Bos Aires ou Alexandre Bóveda e mellorar as beirarrúas da senda cara a praia fluvial, onde se investirán 28.000 euros.
Tamén se levará a cabo melloras no arborado urbano coa retirada de árbores secas, en mal estado ou enfermas en zonas como Juan Carlos I, Valdecorvos, Eduardo Pondal, Teixoeira, Salgueiriños ou praza da Música. Son unhas 50 árbores en diferentes zonas da cidade e, xunto a eles, tamén se repararán os alcorques. Esta actuacións faranas a empresa concesionaria de xardíns e a empresa encargada de facer as reparacións urbanas.