O Concello publicará na súa web a declaración de bens dos seus concelleiros
Por Alejandro Espiño
Nos próximos días, o Concello de Pontevedra publicará na súa páxina web as declaracións de bens e actividades de todos os membros da corporación municipal.
Cumprirase así cunha das obrigacións que se recollen na lei 19/2013, coñecida como Lei de Transparencia. Desta forma, toda esta información será pública e estará dispoñible para que poida ser consultada pola cidadanía.
Por este motivo, o edil de Réxime Interior, Vicente García Legísima, remitiu unha carta a todos os concelleiros nas que se lle comunica este trámite que, en todo caso, non se incluirán datos relativos á localización concreta dos bens inmobles, garantindo a seguridade e privacidade dos seus titulares.
Nesa misiva, enviada este xoves 7 de xaneiro, infórmaselles aos edís que poden realizar alegacións a esta publicidade e, doutra banda, que teñen a opción de actualizar a súa declaración de bens con respecto á presentada o pasado mes de xuño, data na que tomaron posesión dos seus cargos como concelleiros da corporación municipal, de forma que estas estean completamente actualizadas e completas.
Os concelleiros pontevedreses terán un prazo de sete días hábiles para que poidan realizar as alegacións ou achegar a declaración actualizada para que sexa publicada na páxina web.