O PP achaca o mal estado das rúas á mala xestión da reforma urbana
Por Anxo Lourido
"O Concello emprega a choiva coma unha desculpa para ocultar a súa mala xestión da reforma urbana", así o din no Grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra.
Para a oposición o goberno de Miguel Anxo Fernández Lores é o único culpable do "lamentable estado de deterioro" que presentan rúas e vías públicas do centro urbano de Pontevedra e que obriga a realizar fortes investimentos en reparacións.
Nunha rolda de prensa os concelleiros do Partido Popular, Ricardo Aguilar e César Abal, sinalaron o goberno bipartito, BNG e PSdeG-PSOE, como "responsables desa desfeita pola mala xestión da reforma urbana e a falta de mantemento", e denunciaron a "vergonzosa desculpa" utilizada esta mesma semana polo edil de movilidades Luis Bará "botándolle a culpa a choiva".
"Aquí sempre chove e en inverno faino con profusión e os servizos meteorolóxicos non viron nada anormal no período recente ao que fixo referencia o concelleiro do Bloque", respondenlle ao edil.
Para o PP "trátase dunha cortina de fume" para esconder as causas reais do problema, que habería que buscalas, según dixeron "na calidade dos materiais empregados en reformas urbanas, a deficiente execución das mesmas, o envellecemento prematuro e a falta de mantemento".
Aguilar e Abal lembraron que as rúas nas que se van realizar reparacións levan moito tempo en mal estado, "como se pode constatar a través das numerosas denuncias de veciños sobre caídas pola deficiente conservación do pavimento urbano que se recollen no Rexistro Municipal".
Como "claros exemplos" citaron os casos da praza de España, na que ademais se autorizou a substitución da lastra de granito por outra de formigón moito máis barata, avenida de Marín, rúas Nova de Arriba e de Abaixo, Paseo de Colón, Alameda e Condesa de Pardo Bazán, entre moitas outras.
Os dous concelleiros cren que ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "esgotóuselle tras case catorce anos a nómina de posibles culpables e neste caso tampouco lle vale xa o socorrido Partido Popular". Esixen que se asuma e desenvolva unha mellor xestión das obras que executa o Concello e evitar deste xeito gastos como o de 122.500 euros que hai que asumir agora.