Ponte Caldelas conxelará taxas e impostos
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, anuncia, con motivo do inicio do novo ano, que traballará para reducir a débeda actual do municipio ata unha cifra inferior aos 700.000 euros. Para conseguilo, optará por conxelar impostos e taxas e por unha xestión eficiente baseada na participación cidadá e no impulso de políticas activas de búsqueda de emprego, acción social e de carácter cultural descentralizadas en tódolos lugares e parroquias do municipio.
Andrés Diaz fai balance dos seis primeiros meses de xestión do goberno tripartito entre PSdeG-PSOE, AVP e BNG e indica que o máis difícil destes meses de xestión foi "terlle que dicir non a moitos veciños que se achegaban a nós con demandas xustas, pero que non puidemos atender nestes seis meses por non ter disposición orzamentaria".
Para acadar ese obxectivo de reducir "a gran débeda que hipoteca ao Concello", Andrés Díaz asegura que o seu compromiso é conxelar taxas e impostos e poñer en marcha unha nova xestión "máis áxil e eficiente", pero ao mesmo tempo que empregue mellor os recursos e que sexa aforradora. Así, por exemplo, ata agora Ponte Caldelas paga casi medio millón de euros de luz, de modo que o alcalde pretende facer unha auditoría eléctrica e revisar este capítulo para conseguir un maior aforro enerxético e en cartos.
Por outra banda, o equipo de goberno está a ultimar os seus primeiros orzamentos do mandato e Andrés Díaz asegura que "o eido social e cultural será un dos piares da nosa xestión onde a xente vai notar a auténtica diferencia das políticas de esquerdas e das de dereitas". Anuncia iniciativas para revitalizar os centros sociais, favorecer a convivencia e colaboración veciñal e rescatar da crise ás familias que peor o están pasando co aporte de recursos propios e da acción voluntaria.
Entre os eixos do seu traballo neste mandato destaca a situación do crematorio da Reigosa, "un engano premeditado de Perfecto Rodríguez aos veciños da Reigosa e Baltar, principalmente". Insiste en que provocou un importante cisma social que obrigou a moitos veciños a terse que mobilizar na defensa dos seus dereitos.
"Estamos á espera de que se pronuncie a xustiza e, mentras tanto, seguimos moi vixiantes. No momento en que teñamos oportunidade, ante calquera incumprimento legal ou medioambiental, non teña dúbida de que exerceremos as nosas competencias, incluídas o peche cautelar das instalacións. Neste tema está en xogo a saúde dos nosos veciños", promete.
Relacionadas:
-
O PP destaca a "boa situación económica" de Ponte Caldelas cun nivel de endebedamento do 30%
Por Redacción |
-
Perfecto Rodríguez insiste en que o crematorio conta con licencia legal e que o alcalde engana os veciños
Por Redacción |
-
Andrés Díaz promete na Reigosa pechar cautelarmente o crematorio se detecta irregularidades ambientais
Por Redacción |
-
A Reigosa xa conta con crematorio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |