... E 20 horas e 35 minutos despois das uvas.... naceu Carmen
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Marta Nesta saía de contas o 11 de xaneiro. Pensaba non ter á súa segunda filla ata despois da chegada dos Reis Meigos, pero este venres 1 de xaneiro, horas despois das badaladas, púxose de parto. Chegou ao Hospital Provincial ás 16.45 horas da tarde e, tras un parto natural e rápido, ás 20.35 horas nacía Carmen. Á sorpresa polo adianto de once días sobre a data de nacemento prevista sumouse un segundo motivo de asombro: a nena converteuse no primeiro bebé do ano en Pontevedra.
Marta e o seu marido, José Ramón Esturao, estaban "sorprendidos de que fuera la primera. A esas horas...", pero este 1 de xaneiro de 2016 foi un deses días nos que pasan moitas horas sen que naza ningún neno no Hospital Provincial. Ao longo do ano, hai moitas xornadas sen nacementos e no centro sanitario xa pensaban que este inicio de ano sería unha delas cando chegou ao hospital Marta. Finalmente, 20 horas e 35 minutos despois das badaladas, houbo pontevedresa
Carmen Esturao Nesta foi a primeira pontevedresa do ano, pero non o primeiro bebé en chegar á súa casa. Os seus pais, veciños de Marcón, xa teñen outro fillo, Ramón, que o próximo mes de marzo cumprirá seis anos e está previsto que este sábado coñeza á súa irmá. El chámase Ramón polo seu pai -José Ramón- e ela será inscrita no rexistro civil como Carmen tamén por un motivo familiar e sentimental. "Por mi tía materna y mi abuela paterna" explica a súa nai.
Carmen e José Ramón recibiron aos medios de comunicación na súa habitación do Hospital Provincial ao mediodía deste sábado, 16 horas despois de que nacese a nena. A súa experiencia por ter xa outro fillo e o tempo transcorrido deixouse notar no seu rostro, xa con poucos signos de cansazo. A esa tranquilidade axudou -e moito- a pequena Carmen, pois cos seus 3,200 quilogramos de peso e sen problemas de saúde, deulles unha boa primeira noite. Nin a presenza de fotógrafos e xornalistas alterou o seu sono ou provocou o pranto.
"No es muy llorona", valorou a súa nai tras pasar con ela as primeiras horas na habitación do Provincial. "No protesta nada", engade o seu pai, igual de emocionado que a mamá. E a esa tranquilidade que lles dá a nena poderá unirse un novo motivo de alegría: a súa filla pode chegar cun pan debaixo do brazo, pois todos os nenos nados a partir deste 1 de xaneiro son potenciais beneficarios do novo 'cheque bebé' posto en marcha pola Xunta de Galicia. Darán 100 euros ao mes durante o primeiro ano ás familias con ingresos de ata 45.000 euros anuais ou que gañen 13.500 euros ou menos per cápita. Eles "tampouco sabemos seguro" se o recibirán, pero móstranse contentos coa medida.
Relacionadas:
-
Kevin, primeiro bebé do ano en Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Anxo, primeiro bebé de 2014 en Pontevedra dende as 2.45 da madrugada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Leyre e Nerea trasnoitaron para ser as primeiras bebés pontevedresas de 2013
Por Natalia Puga |