A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra intervirá durante o vindeiro ano na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia, en virtude do convenio que asinou co Ministerio de Fomento para a posta en valor do patrimonio galaico-romano.
Como parte do proxecto, o Ministerio vén de convocar un concurso público con xurado para a selección das mellores propostas de restauración e musealización.
As bases da licitación atópanse publicadas na web do Ministerio de Fomento, que estableceu de prazo ata o 16 de febreiro para a recepción de propostas. A intención do Ministerio é contratar a redacción de cada un dos 18 proxectos ao gañador do concurso, a medida que finalicen os traballos previos de arqueoloxía e de escavación acometidos pola Deputación.
O convenio asinado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento ten por obxectivo a recuperación dos xacementos galaico-romanos da provincia, concibidos como un importante instrumento de dinamización socioeconómica, cultural e turística das comarcas. O programa integral inclúe dende labores de limpeza, mantemento e escavación, ata actividades de promoción, a creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D.
Os xacementos obxecto de intervención son os seguintes: Santa Tegra (A Guarda), Castro de Troña (Ponteareas), Monte de O Facho (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo) Adro Vello (O Grove), Monte do Castro (Ribadumia), Porta de Arcos (Rodeiro), Castrolandín (Cuntis), A Cabeciña (Oia), A Subidá (Marín), Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), Alto dos Cubos (Tui), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Coto de Altamira (As Neves), Igrexa Vella (Valga), Castro de Penalba (Campo Lameiro), Castro de Pena Redonda (Pontecaldelas) e Castro de Toiriz (Silleda).
Para executar o programa, a Deputación de Pontevedra contratou 18 peóns de excavación arqueolóxica, 7 arqueólogos de campo e laboratorio e un coordinador, que xa están a traballar no castro de Santa Tegra, baixo a supervisión do servizo de Turismo Rias Baixas. Ademais, a partir do 1 de febreiro, iniciaranse as labores de recuperación do castro Alobre, en Vilagarcía.
RECORTABLE INFANTIL
Unha das liñas de actuación do programa é a divulgación do patrimonio histórico e cultural arqueolóxico. No marco deste obxectivo, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha lámina recortable dirixida ao público infantil, baixo o título “En busca da pegada castrexa”.
A lámina mostra un mapa coa localización dos 18 xacementos nos que se vai intervir así como diferentes elementos representativos de cada un deles, e os nenos e nenas teñen que relacionalos entre si.
Relacionadas:
-
Comezan os traballos para conservar a escavación do Monte do Castro, en Ribadumia
Por Redacción |
-
Atopan restos de peixe de hai 1.700 anos no xacemento romano de Adro Vello
Por Redacción |
-
A Deputación paraliza as actuacións nos castros da provincia polo "absoluto deixamento" de Fomento
Por Redacción |
-
Retoman as escavacións no xacemento da Lanzada para poñer en valor todo o conxunto
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Máis de 20.000 pezas saen á luz no xacemento de Castro Alobre
Por Redacción |
-
Un mes de descubrimentos no castro de Alobre
Por Redacción |
-
Inician catro meses de escavacións no Castro de Alobre
Por Redacción |
-
Unha vintena de empresas, interesadas en musealizar os castros da provincia
Por Redacción |
-
12 persoas retomarán en febreiro as escavacións de Castro Alobre
Por Redacción |
-
Carmela Silva mediará con Fomento para incluír Castrolandín nos xacementos a recuperar
Por Redacción |
-
Fomento e a Deputación apostan polo potencial turístico dos castros e invisten 6,5 millóns
Por Redacción |