VIDEO.- As Urxencias de Montecelo estrean nova cara, máis "orientada ás persoas"
Por Redacción
O Hospital Montecelo está de estrea. Ten xa en funcionamento unha nova zona de espera no servizo de Urxencias que converte as instalacións sanitarias no primeiro hospital de Galicia en dispor dun espazo innovador orientado ao confort do usuario de Urxencias e a garantir a súa accesibilidade a información.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou o hospital este mércores e deu conta das actuacións realizadas, nas que se realizou un investimento de 180.000 euros. Trátase dunha obra que implicou unha "mellora moi importante", pois, segundo o responsable de Sanidade, "o servizo de Urxencias é a entrada de moitísimos pacientes ao hospital".
Ao respecto, insistiu en que o servizo de Urxencias é "fundamental" e o de Montecelo "necesitaba un cambio". As melloras financiáronse con cargo aos fondos europeos Feder para a mellora de instalacións sanitarias e teñen como obxectivo a renovación das diversas zonas de espera e estar de pacientes e familiares no servizo de Urxencias do hospital, transformándoas "nun espazo vertebrador para un modelo de prestación de servizo orientado ás persoas".
As obras crearon un entorno "máis harmonioso", co obxectivo de contribuír á xeración de confianza no usuario, diminuíndo a posible ansiedade, axudando a entender o proceso e mellorando a intimidade e a comodidade da espera. Nas renovadas salas de espera e estar do hospital Montecelo os espazos, os diferentes recorridos, o mobiliario e a información continua sobre todo o proceso permite a pacientes e acompañantes unha percepción do servizo máis positiva, coidada e persoal.
Nesta reforma integrouse todo o proceso que segue o paciente, desde a entrada no servizo, o proceso de admisión, a sala de espera de familiares, as zonas de triaxe ou a sala de espera de pacientes, etc. Tamén se reformaron as zonas de paso, para facilitar e axilizar as circulacións de pacientes e profesionais. Procedeuse á renovación de solos, teitos e paredes, cambiouse a iluminación, instalouse novo mobiliario e outros elementos para garantir o confort e a comodidade da espera e tamén outros destinados a facilitar a accesibilidade á información dos usuarios.
O conselleiro referiuse, durante a súa visita a Montecelo, ao proxecto dun novo hospital en Monte Carrasco, polo que aposta a Xunta de Galicia, pero que está neste intre paralizado. Ao respecto, o responsable de Sanidade aclarou que "hai un anteproxecto e hai que reavaliar toda a información que temos".
Jesús Vázquez Almuiña non quixo concretar se seguen apostando por un novo hospital ou por retomar o proxecto para ampliar Montecelo e pospón calquera decisión ao momento no que termine unha serie de entrevistas con responsables sindicais, xefes de servizo e outros colectivos de traballadores do hospital. Unha vez que coñezan as necesidades que lle manifestan todos, adoptarán unha decisión. Este mesmo mércores mantivo unha reunión con representantes CIG Saúde.
Relacionadas:
-
Premian o novo servizo de urxencias de Montecelo
Por Redacción |
-
A sanidade en Pontevedra: un modelo asistencial centrado no paciente
Por Noticia patrocinada |
-
Xuntanza "cordial" entre o Concello e Sanidade, sen chegar a acordos
Por Oskar Viéitez |
-
Para os traballadores do CHOP, o hospital único "debe ser" en Montecelo
Por Redacción |