2016 comezará coa mellora de árbores e de vías urbanas
Por Redacción
Está previsto que co novo ano comecen os traballos en diversos puntos da cidade para mellorar os xardíns e os espazos públicos, segundo explicou o concelleiro de Obras, Luís Bará.
Neste proceso arranxaranse as beirarrúas e os xardíns situados na avenida da Estación, nas proximidades da galería Jaime Trigo. Estes traballos contarán cun orzamento de 60.444 euros. Retiraranse as moreiras no primeiro tramo da rúa Fernando II e substituiranse por outras árbores que non causen molestias entre os veciños, que viñan queixándose da presenza de insectos procedentes destas especies.
Tamén levará a cabo a retirada de árbores secas ou que se atopen en mal estado en rúas como Eduardo Pondal, Juan Carlos I, Valdecorvos, Teixoeira, Salgueiriños ou a praza da Música. Trátase de ao redor de 50 árbores en diferentes zonas da cidade. Tamén se repararán alcorques.
Pendentes das chuvias tamén está previsto que se pavimente ao longo de xaneiro a zona do Campo do Boi, a praza de Europa, a avenida de Bos Aires e Alexandre Bóveda. Ao mesmo tempo completarase a actuación da senda cara á praia fluvial coa mellora da beirarrúa, que na actualidade atópase en mal estado. O orzamento desta actuación alcanza os 28.000 euros.
Ao mesmo tempo, Luís Bará sinalou que a parroquia de Lourizán é a que está a sufrir a maior parte de ataques do picudo vermello. O Concello xa tivo que talar dúas palmeiras e se detectaron outras afectadas tanto en espazos públicos como privados.
O goberno local atópase, segundo o concelleiro, en contacto coa Xunta de Galicia para poder actuar nestas árbores. Está a aplicarse un tratamento preventivo ás árbores máis singulares e aos parques máis emblemáticos da cidade, especialmente nas Palmeiras para evitar que se vexa afectada por este insecto.
Relacionadas:
-
As Palmeiras e a Alameda, listas para o verán
Por Redacción |
-
EC Casas, encargada de reparar e manter as vías urbanas durante os dous próximos anos
Por Alejandro Espiño |
-
Despois do Nadal, mans á obra!
Por Redacción |
-
Preocupación ante o avance da praga do picudo vermello nas palmeiras da provincia
Por Redacción |
-
A Estación Fitopatolóxica trata de evitar o picudo nas palmeiras dos xardíns de Lourizán
Por Redacción |
-
En pé de guerra contra o picudo vermello
Por Cristina Saiz |