Apelan ao espírito dos voluntarios do Prestige para limpar a praia da Lanzada
Por Alejandro Espiño
A escaseza de recursos económicos nos concellos pontevedreses obriga a moitos municipios a tirar de imaxinación para cumprir con algúns dos servizos que deben prestar. ÿ o caso do Concello de O Grove. Apelando ao magnífico e solidario traballo dos voluntarios que recolleron o chapapote do Prestige, o goberno local decidiu mandar un novo SOS á cidadanía. Esta vez para limpar a praia da Lanzada, o seu areal máis representativo.
Recoñece o concelleiro de Medio Ambiente, Alfredo Bea, que no Concello de O Grove "non hai cartos" para poder afrontar a limpeza da Lanzada. O seu actual estado, chea de algas resecas e restos de lixo arrastrado polo mar, non é o óptimo para unha praia coa que O Grove busca venderse internacionalmente. E como lamentan desde o goberno local, non poden esperar á limpeza que, chegando a Semana Santa, realiza a Deputación de Pontevedra.
"Un concello como o noso non ten capacidade para estar limpando as praias todos os días", explica Alfredo Bea. Por iso é polo que, en colaboración con Ecoloxistas de O Salnés, as concellerías de Medio Ambiente e Deportes do Concello de O Grove organizarán unha xornada de limpeza na Lanzada. Trátase dunha iniciativa "aberta á cidadanía e a todos aqueles que queiran botar unha man na conservación do medio natural".
Polo momento aínda non está pechada a data na que se celebrará esta recollida voluntaria de lixo. "Estamos pendentes do tempo, en canto nos aseguren que ven unha fin de semana boa, tiraremos para adiante", recoñece o responsable meco de Medio Ambiente.
Di Alfredo Bea que a maior parte dos residuos que acaban nos arenais do municipio "proceden da industria do mar"
Con esta iniciativa, O Grove quere sensibilizar aos seus veciños e visitantes da importancia de manter limpas as praias do municipio. Especialmente ao sector mariñeiro. Di Alfredo Bea que a maior parte dos residuos que acaban nos arenais do municipio "proceden da industria do mar". Trátase, dixo, de "redes que rompen, botas de goma, caixas de madeira ou lixo dos propios barcos". Por iso é polo que pida un maior compromiso aos que faenan no mar.
O Concello de O Grove, que aportará todo o material necesario para que os voluntarios limpen a praia, asegura que se esta iniciativa ten éxito estudarán ampliala a outras praias do municipio.