Cruzada para que ningún cable sobrevoe o polígono de Nantes
Por Redacción
O Goberno local de Sanxenxo aposta por que todas as liñas que cruzan o parque empresarial de Nantes sexan enterradas, deixándoo libre de calquera elemento aéreo na súa totalidade. Así llo trasladou a alcaldesa, Catalina González, aos representantes de Unión Fenosa Distribución nunha reunión recente mantida para abordar distintas cuestións relacionadas co área SU 15 do citado polígono.
Catalina González instou á empresa a elaborar unha proposta, contando coa colaboración de técnicos municipais, co fin de que ningún propietario de parcelas neste ámbito teña unha afección aérea no seu solar.
Trátase dunha acción solicitada pola regidora dado que o proxecto de urbanización contempla que as liñas atravesen o desenvolvemento e sobrevoen os terreos, eliminando tan só a instalación de media tensión que vai desde a autovía do Salnés ata Dadín.
Durante este encontro, a alcaldesa trasladou tamén á distribuidora a urxencia de iniciar as obras de construción da subestación eléctrica que estará situada no SU 15, tendo en conta que a firma energética xa dispón do orzamento xeral para o exercicio 2013.
Outra cuestión abordada foi o compromiso de fornezo temporal ás mercantiles alí situadas mentres non estea operativa a infraestructura definitiva.A Xerencia Municipal de Urbanismo está levando a cabo para iso o cálculo da potencia que precisarán as empresas que solicitaron licenza ata o momento co fin de trasladar estas necesidades a Unión Fenosa.
Catalina González mantén a previsión apuntada no mes de agosto de recepcionar o parque empresarial de forma provisional en torno a Semana Santa.