Os xulgados pontevedreses ordenaron protexer 406 mulleres por violencia de xénero no 2012
Por Alejandro Espiño
406 mulleres da provincia de Pontevedra contan con ordes cautelares ou de protección dictadas por xulgados galegos como vítimas de violencia de xénero. ÿ un 17 por cento menos que o ano pasado nas que se asinaron 489 ordes. En total, en Galicia aprobáronse 1.149 medidas de protección, o que supón tamén un forte descenso con respecto ao 2011. Neste caso, do 14,8 por cento.
Así o desvelou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, durante unha rolda de prensa na que analizou os datos de violencia de xénero durante o pasado ano Galicia. Nela, explicou que a maior parte das medidas cautelares obedecen a ordes de alonxamento e prohibición de comunicación coa vítima.
Citando datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, a secretaria xeral de Igualdade asegurou que, entre xaneiro e setembro de 2012, un total de 1.722 mulleres pontevedresas presentaron denuncia por malos tratos. Facendo unha proxección, dixo, conclúese que o ano pecharase con datos moi similares aos do ano anterior. Así mesmo, ata novembro estiveron activos en Galicia 18 dispositivos de seguimento de agresores por medios telemáticos, nove deles en Pontevedra.
Susana López Abella, que lamentou a morte de catro mulleres en 2012 en Galicia a mans das súas parellas ou exparellas, instou á sociedade a que adquira a "cultura da igualdade" e sexa "inconformista" coa violencia. Ao mesmo tempo, dixo ás mulleres maltratadas que "deben ter a confianza de que poden saír desa situación" e deben denunciar a violencia de xénero, xa que dispoñen dos recursos necesarios.
Axudas económicas e protección psicolóxica
Neste sentido, López Abella recordou que 125 pontevedresas perciben as axudas económicas que outorga a Xunta a mulleres vítimas de violencia de xénero, 18 máis que en 2011 e que se aprobaron en torno ao 85 por cento das solicitudes. Súmanse ás 16 vítimas de maltrato que foron perceptoras das axudas de pago único.
Con respecto á protección psicolóxica, a Xunta informa que un total de 408 mulleres, 171 menores e 21 persoas ao seu cargo participaron o pasado ano no programa de atención psicolóxica a vítimas de violencia de xénero, cifras superiores ás do ano anterior. Paralelamente, rexistrouse unha leve disminución na participación no programa Abramos o Círculo, para homes que, sen ter sentenzas xudiciais en contra, desexen controlar o seu comportamento violento.
Para rematar, Susana López Abella destacou que o teléfono 900 400 273, de información á muller, recibiu o ano pasado 4.542 chamadas, un 1,2 por cento máis que o ano anterior. 759 destas chamadas procedían de Pontevedra. O 97 por cento foron realizadas por mulleres e o 96 por cento de nacionalidade española. En canto á información solicitada, o 64,6 por cento facía referencia a atención psicolóxica a vítimas de violencia de xénero.
A secretaria xeral de Igualdade destacou tamén o bo funcionamento do servizo de asesoramiento xurídico online, que foi consultado en 2012 por 65 pontevedresas, a maioría delas interesadas en asistencia xurídica gratuita e conciliación familiar; e do servizo de teletraducción que asistiu a 125 mulleres en 2012. Os idiomas máis demandados, por número de minutos de teletradución, foron o árabe, o rumano, o chinés-mandarín, o inglés e o wolof.