A 'Patrulla canina' e os xoguetes de 'Star Wars' triunfan no nadal pontevedrés
Por Oskar Viéitez
Nas cartas que os nenos pontevedreses escribiron a Papa Noel houbo dous xoguetes que se repetiron na gran maioría dos fogares: a 'Patrulla canina' e os relacionados coa saga 'Star Wars'.
Nas xogueterías da cidade do Lérez tiveron que multiplicar os seus pedidos para repoñer estes agasallos estrela. Especialmente co 'Centro de mando da Patrulla canina' e o 'Falcón Milenario de Lego'.
A continuación, no ránking dos xoguetes máis demandados na comarca de Pontevedra sitúanse en postos destacados os 'Playmobil' e 'Lego' xunto con 'Dora a exploradora' ou os personaxes da película de Disney 'Frozen', as pistolas 'Nerf' e as 'As tartarugas ninja'.
A diferenza doutros anos Papa Noel buscou o xoguete exacto da marca desexada polos pequenos, sen deixarse embaucar polos parecidos razoables que ofrecen algúns bazares, algo que algúns fabricantes de xoguetes atribúen á mellora das economías familiares.
Estas mesmas fontes apuntan que nos andeis quedaron sen recoller os xoguetes educativos, quebracabezas ou os helicópteros de radio control que foron claramente superados polos drones.
En Pontevedra, Papa Noel gástase entre 100 e 150 euros en xoguetes para os nenos de cada familia, o que supón unha subida nas vendas respecto de anos anteriores e iso que os prezos son, de media, uns 10 euros máis caros que en 2014, segundo a conclusión á que chegou a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).
Ademais a tendencia apunta a que nesta ocasión Papá Noel vaise a impoñer aos Reis Magos á hora de facer a carta coas peticións dos máis pequenos. Entre outras razóns, hai quen asegura que o éxito de Santa Claus ten moito que ver con que o día 7 os pequenos "teñen que volver a clase sen poder gozar dos recentemente estreados agasallos".
SEN XOGUETES A PARTIR DOS 10 ANOS
Os fabricantes de xoguetes aseguran que os nenos xa non piden xoguetes e a partir dos 9 ou 10 anos. Claro que seguen reclamando agasallos aos Reis Magos, pero xa non xoguetes, "porque consideran que son cousa de críos".
Os fabricantes de xoguetes explican que as últimas bonecas que se piden as nenas son as 'Bratz' ou as 'Monster High', a partir de aí "acabouse".
Nesta franxa de idade triunfan as tabletas, consolas e videoxogos cos que xa xogan novos, adultos e maiores.
XOGUETES ÉTICOS
Unha nova tendencia que está a se facer popular son os xoguetes éticos, feitos con materiais naturais. Con madeira de bosques sustentables, tinguiduras sen axentes tóxicos, la ou algodón pero sen fibras sintéticas, cartón papel ou plástico reciclado.
Entre a oferta pontevedresa a tenda 'Estrelas e limóns', ubicada no casco vello, reúne unha selección de marcas de todo o mundo, a maioría nórdicas, que seguen criterios de sustentabilidade ou de comercio xusto, apostando polo deseño.