Queremos Galego anima os pontevedreses a mobilizarse en defensa do galego
Por Alejandro Espiño
"Estamos indo cara atrás na utilización da nosa lingua". ÿ un dos argumentos utilizado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, para animar aos pontevedreses a acudir á manifestación que Queremos Galego organiza o vindeiro domingo 27 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela. "Temos que defender a nosa lingua que é o noso sinal de identidade", insistiu o rexedor capitalino.
Trátase dunha protesta cidadá coa que os seus promotores esixen a derrogación do decreto de reforma educativa impulsado polo ministro de Educación, José Ignacio Wert. Segundo Ernesto Vázquez, portavoz de Queremos Galego, "con esta reforma o galego perde a súa condición xurídica de uso oficial", un atentado moi grave, dixo, contra o que deben rebelarse "todas as persoas que queremos a lingua galega".
Asegura Miguel Fernández Lores que tralos decretos lingüísticos aprobados polo Goberno central e a Xunta de Alberto Núñez Feijóo, a evolución do galego "é negativa". Recordou as catro sentenzas xudiciais que existen contra as decisións do goberno autonómico e instou á Xunta de Galicia a cumprir o seu cometido, "a defensa e o impulso ao coñecemento do noso idioma".
Segundo Fernández Lores, os decretos aprobados recientemente "van en contra do uso do galego" e reiterou o chamamento aos pontevedreses para que secunden a manifestación porque "se non defendemos iso, non defenderemos outras cousas".
Queremos Galego puxo autobuses gratuitos desde todas as comarcas galegas, incluída Pontevedra, para asistir a esta manifestación. Os que queiran apuntarse, deberán solicitalo a través da páxina web deste colectivo.