Cotobade renova o acordo para compartir o uso e mantemento da planta de lixo da Lama
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cotobade, Jorge Cubela, asinou o convenio de colaboración cos concellos da Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes para o uso compartido e mantemento da microplanta de transferencia de lixo da Lama.
Coa sinatura deste convenio dáselle continuidade á cooperación e colaboración interadministrativa, en materia de xestión de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), entre os catro municipios que se ven producindo dende a primeira sinatura do convenio no ano 2011.
En virtude deste acordo os catro concellos levarán a cabo o transporte e entrega de RSU á microplanta así coma a colaboración na financiación nos custos de persoal desta instalación.
Este convenio terá unha vixencia ata o 31 de decembro de 2018 prorrogándose por iguais períodos e terá coma obxectivo contar cun bo servizo de recollida de lixo.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, salientou que o acordo tamén contribúe a mellorar a calidade medioambiental e o benestar dos veciños do concello así como daquelas persoas que se acheguen a desfrutar da riqueza natural de Cotobade.