Pontevedra quedará cun "punto de atención ao público" tras o traslado a Vigo da Cámara de Comercio
Por Oskar Viéitez
O Consello da Xunta aprobou este mércores a fusión das cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
Segundo o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, esta alianza permitirá sumar esforzos e aproveitar sinerxías e recursos.
O novo ente alcanzará 80.000 compañías en 55 concellos da provincia e contará con puntos de atención ao público nas actuais sedes camerais de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, ademáis das antenas camerais de Gondomar e Salvaterra do Miño. A cidade de Vigo acollerá a sede principal.
Un órgano de goberno transitorio formado por cargos das tres cámaras levará a cabo as actuacións precisas para constituír o novo Pleno, que estará constituído por un total de 60 vogais.
Os membros deste primeiro Pleno serán escollidos polos propios plenos das cámaras preexistentes entre os membros dos mesmos que manifesten a súa vontade de formar parte da nova cámara nun prazo de 15 días a partir da publicación do decreto de creación da nova cámara no Diario Oficial de Galicia. Posteriormente, celebraranse eleccións canda o resto das cámaras.